A directora de Turismo de Galicia, Nava
Castro, realizou na capital paraguaia de Asunción unha presentación dirixida
aos axentes e turoperadores máis importantes do país sobre o Camiño de Santiago
como produto turístico que contou coa participación da Ministra de Turismo de
Paraguai, Marcela Bacigalupo.
Na súa presentación, a directora de Turismo de
Galicia resaltou as posibilidades que ofrece Galicia, destacando que é un
destino de contrastes cunha morea de opcións entre as que resaltou a cultura e
o patrimonio, a natureza, o termalismo, a gastronomía e as súas principais
cidades e o turismo rural, entre outros recursos.
Así, a oferta diferencial do destino Galicia xunto
co Camiño de Santiago protagonizaron a exposición realizada por Nava Castro. A directora
de Turismo de Galicia afirmou que o Camiño constitúe un dos produtos estrela de
Galicia e explicou que é un itinerario vivo dende fai máis de 1.200 anos.
Durante o
seu relatorio, fixo referencia aos diferentes itinerarios históricos que
constitúen a Ruta Xacobea así como do patrimonio vinculado a eles e do
significado de intercambio cultural da civilización europea que ten o Camiño de
Santiago. Deste xeito, a responsable de Turismo da Xunta incidiu nos aspectos
culturais e patrimoniais vinculados ao Camiño e ao fenómeno das peregrinacións.
As
infraestruturas e a rede de servizos da Ruta, así como a oferta vinculada a ela
existente en Galicia ou os produtos turísticos que xurdiron arredor do Camiño foron
algúns dos aspectos abordados tamén pola directora de Turismo de Galicia no seu
relatorio.
Plan Director e Smart Camiño
Por outra parte, Nava Castro falou do Plan
Director do Camiño de Santiago do cal explicou que supón unha ferramenta de
xestión para a administración turística autonómica e unha folla de ruta que
marca as directrices para favorecer a conservación e protección do Camiño en
Galicia, atendendo a todos os axentes, públicos e privados, implicados no
mesmo.
Neste senso, a responsable de Turismo da Xunta
fixo fincapé nun dos principais proxectos deste Plan xa posto en marcha: o
Smart Camiño. Nava Castro destacou que este proxecto ofrecerá atención integral
aos miles de peregrinos que realizan o Camiño de Santiago cada ano poñendo á
súa disposición os servizos tecnolóxicos máis avanzados.
Así, explicou que a
iniciativa inclúe a posta en marcha de una web e unha aplicación móbil
específica para a Ruta Xacobea e a dotación de WIFI en toda a rede pública de
albergues do Camiño. No día de hoxe, a directora de Turismo de
Galicia realizará outra presentación na cidade paraguaia de Ciudad del Este.