A Deputación da Coruña compromete apoio
técnico e económico aos concellos da provincia afectados polas importantes
inundacións rexistradas onte. O
presidente da Deputación, Valentín González Formoso, e a vicepresidenta Goretti
Sanmartín visitaron durante a mañá de hoxe algúns dos municipios máis afectados
polas inundacións, que durante a xornada de hoxe recuperan pouco a pouco a
normalidade
En
Sada, o presidente provincial visitou a primeira hora desta mañá, xunto co
alcalde Benito Portela, algunhas das rúas máis afectadas e falou cos
comerciantes e residentes da zona, xa que a maioría dos desperfectos
producíronse en vivendas e establementos comerciais.
González
Formoso trasladou o apoio da Deputación ao alcalde e aos veciños de Sada e aos
dos numerosos municipios onde se rexistraron inundacións e afirmou que a Deputación
pon a disposición destes municipios “todo o apoio técnico que precisen e, unha
vez feita a evaluación de danos e na medida das nosas posibilidades, tamén
económico”, a través dos plans provinciais ou de “achegas extraordinarias”, que
poidan servir tamén para “a mellora de infraestruturas e a prevención de
futuros danos”.
O
rexedor sadense, Benito Portela, destacou que xa se eliminou a totalidade da
auga das rúas, pero que aínda queda “o mais problemático”, en referencia ás
numerosas vivendas, garaxes e establecementos comerciais afectados pola auga e
que presentan “danos cuantiosísimos”, polo que o municipio presentará no pleno
desta tarde unha moción para a declaración de “zona catastrófica”.
Carballo, Coristanco e
Ponteceso
Tamén
a vicepresidenta da institución provincial, Goretti Sanmartín, visitou durante
esta mañá os municipios de Carballo, Coristanco e Ponteceso, seriamente
afectados polas inundacións. En Carballo, Goretti Sanmartín reuniuse co alcalde Evencio Ferrero e
distintos membros da corporación, entre eles o deputado responsable da área de
Cooperación cos municipios, Xosé Regueira, para avaliar os efectos da auga, en
especial, no auditorio do Pazo da Cultura, un dos espazos máis afectados que
viu como a auga chegaba até a terceira fila de asentos.
O alcalde, Evencio Ferrero, fixo unha primeira valoración das consecuencias
da inundación que, no Pazo da Cultura, afectou a diversos aparatos electrónicos
de luz e son, segundo un primeiro balance á espera de que a retirada da auga
permita estudar o estado da madeira, mobles e instalacións.
No encontro, o alcalde de Carballo explicou á vicepresidenta a dimensión da
zona afectada –en especial á beira do río- e os comercios, domicilios e vías
que foron afectados polas enchentes de auga.
En Coristanco, Sanmartín mantivo unha xuntanza co alcalde Amancio Lavandeira
e o concelleiro responsable de Obras, Abraham Gerpe, que fixeron unha primeira
e urxente avaliación da situación, destacando a preocupación polo estado da
estación potabilizadora que surte de auga á totalidade da poboación. Dentro
duns días poderán facer un balance máis completo das repercusións da auga
desbordada, pero de saída, desde o concello xa aseguran os efectos sobre a rede
viaria, grande perxudicada das inundacións deste mércores.
A auga anegaba aínda algunhas rúas e sotos de Ponteceso cando Goretti
Sanmartín se reuniu co alcalde Xosé Lois García Carballido e distintos membros
da corporación para visitar as zonas máis afectadas pola enchenta, en especial
as provocadas co desbordamento das canalizacións arredor do río Anllóns. O
alcalde defendeu a necesidade de acometer as obras necesarias para evitar que a
situación se repita, polo que estudarán as distintas posibilidades para
desenvolver un proxecto que impida novos desbordamentos como os producidos este
mércores.
A vicepresidenta, Goretti Sanmartín, tomou nota nos tres concellos
das distintas necesidades e urxencias para solucionar os problemas ocasionados
polas inundacións e ofreceu os servizos da Deputación para avaliar o estado das
infraestruturas e a rede viaria así como para asesorar nas posibles solucións
para impedir que se volvan producir desastres deste alcance. “As inundacións
afectaron a varios concellos da provincia e a Deputación valorará cal é a
maneira máis acaída de colaborar despois de recadar toda a información sobre os
perxuízos ocasionados”, explicou Goretti Sanmartín na súa visita. Departamento de comunicación