Máis de 1.000 familias galegas xa
recibiron a Tarxeta Benvida, unha medida en pro da demografía galega que está a
obter a resposta da sociedade dentro do Programa de Apoio á Natalidade. Deste
xeito, máis dun milleiro de familias xa están a usar a tarxeta para comprar
alimentos, produtos de hixiene e produtos farmacéuticos para os seus bebés. Ademais,
as solicitudes presentadas polos pais e nais galegos para obter esta axuda xa
superan a cifra de 2.500.
A Tarxeta Benvida consta dunha axuda
económica directa de 100 euros mensuais por un ano. O obxectivo desta medida é
contribuír a sufragar os gastos básicos que supón o nacemento ou adopción dun
fillo ou filla durante os seus primeiros doce meses de vida.
Neste sentido, cómpre lembrar que
teñen dereito á Tarxeta Benvida aquelas familias que acrediten a través da súa
última declaración en Facenda que a renda da unidade familiar non supera os
45.000 euros; e nos casos en que si se supera esta cantidade, cando a renda per
cápita non sexa superior aos 13.500 euros. A previsión do Goberno galego é que
un mínimo de 8 de cada 10 familias galegas están en disposición de recibir esta
tarxeta moedeiro, ou o que é o mesmo, máis do 80% dos fogares galegos. Para
isto, a Xunta habilita un financiamento plurianual de 18 millóns de euros.
Prazo de solicitudes
O prazo de presentación das solicitudes da
Tarxeta Benvida é de 2 meses contados dende o día seguinte a aquel en que se
produza o nacemento ou se constitúa a adopción. A Xunta resolverá cada unha
destas solicitudes nun prazo máximo de 3 meses contados dende o día seguinte ao
da data en que a solicitude teña entrada no rexistro.
Dentro das medidas en pro da demografía, Galicia
é a Comunidade Autónoma con maiores deducións por natalidade. Ademais, cómpre
destacar a posta en marcha de novos recursos para favorecer a conciliación
laboral e familiar. Deste xeito, a ratio de cobertura de escolas infantís para
o vindeiro curso escolar 2016-2017 sobe de novo ata acadar o 37%, catro puntos
máis que no presente curso, e cumprindo con creces a ratio aconsellada pola
Unión Europea.
O vindeiro curso escolar, as familias galegas disporán dun total
de 22.316 prazas para nenos e nenas de 0 a 3 anos en escolas infantís que
dependen da Xunta de Galicia ou nas que participa a administración autonómica.
Apoio
ás familias e á infancia
A Tarxeta Benvida non é unha acción
illada senón que forma parte dun programa máis amplo que garante o benestar das
familias galegas, apoiándoas de forma integral e continua con feitos e medidas
concretas. A Tarxeta Benvida é unha das novas
medidas de apoio á familia e á infancia que a Xunta está a desenvolver ao
abeiro do Programa de Apoio á Natalidade (PAN). Trátase dun ambicioso paquete
de iniciativas coas que se procura dar resposta ás necesidades dos pais,
garantir o benestar das familias e apoialas de maneira continua.
Deste xeito, no que respecta ás
PAN-Axudas destacan liñas de apoio como a Tarxeta Benvida ou outras
complementarias como o incremento da dedución fiscal por nacemento ou adopción
de fillos, a prestación do pagamento único por fillos menores de 3 anos ou a
exención de pago nas escolas infantís para o segundo fillo daquelas familias
cunha renda per cápita igual ou inferior a 7.500 euros anuais e aos menores en
situación de acollemento familiar.
Tocante ao eixo PAN-Concilia destaca o Bono
Concilia para os pais que non teñan praza nas escolas infantís públicas, o Bono
Coidado que pon a disposición das familias que viven no rural un recurso de
conciliación, ou as casas niño, unha rede de coidadores para menores de 0 a 3
anos que viven en zonas rurais. Por último, no PAN-Servizos enmárcanse outras
prestacións como as prazas en escolas infantís sostidas con fondos públicos ou
as bonificacións adicionais para as familias numerosas como no prezo do
transporte metropolitano.
Todas estas medidas que a Xunta
está a poñer en marcha seguen a liña doutros países europeos como Francia,
Finlandia ou Noruega. Para o financiamento da Tarxeta Benvida cóntase cun
orzamento total de 18 millóns de euros, 9 millóns de euros destinados a cada
unha das anualidades de 2016 e 2017.