A Casa de Galicia en Madrid acollerá este
venres, 8 de abril, a presentación da festividade do Corpus Christi da vila de
Ponteareas nun acto que contará coa participación da directora de Turismo de
Galicia, Nava Castro.
Esta celebración, que conta coa declaración de
Festa de Interese Turístico Internacional, é apoiada por Turismo de Galicia, que
achegou neste ano para a súa promoción un total de 40.000 euros, cantidade á
que hai que engadir 15.000 euros de axuda grazas ao convenio de colaboración
asinado pola administración turística galega con Abanca.
A festa é coñecida internacionalmente polas súas
artísticas alfombras de flores naturais confeccionadas para o paso do Santísimo
Sacramento. Así, o domingo de Corpus Christi numerosas alfombras engalanarán as
rúas e prazas de Ponteareas nunha profusión de colorido, creatividade e beleza
que atrae cada ano a máis visitantes.
A tradición da confección de alfombras florais
en Ponteareas está documentada dende 1857 polo que é, posiblemente, unha das
máis antigas do mundo. Esta importante mostra de patrimonio
inmaterial galego foi recoñecida ao longo dos anos con varios galardóns que
viñeron recoñecer a súa excelencia, como a declaración de Festa de Interese
Turístico de Galicia en 1968 para continuar coa declaración de Interese
Turístico Nacional en 1980 e, finalmente, a declaración no ano 2009 de Festa de
Interese Turístico Internacional. Deste xeito, Ponteareas consolidouse como un
referente a nivel internacional na confección de alfombras florais.
Ruta da
Lamprea
Por outra parte, Turismo de Galicia presentará
tamén este mesmo venres na Casa de Galicia en Madrid un novo produto turístico
relacionado con outro dos grandes recursos Ruta da Lamprea. Este novo produto turístico que comprende
dezaoito municipios galegos situados nas beiras dos ríos Miño, Ulla e Tambre
porá en valor turístico os principais recursos naturais, gastronómicos e
culturais destes concellos arredor dos labores de pesca e a gastronomía deste
singular peixe.
Así, con esta ruta darase a coñecer o
importante patrimonio que rodea a este peixe e á súa captura, mostrando aos
visitantes desde as artes de pesca como as pesqueiras ou as estacadas, ata os
lugares de interese natural e cultural, como miradoiros, paseos, pontes ou
capelas, entre outros elementos.
Deste xeito, a Ruta da Lamprea constitúe un
importante produto turístico que virá a ampliar, non só a oferta turística
destes concellos, senón tamén da Comunidade galega en xeral, a partir dun
recurso endóxeno como é este peixe tan característico do curso baixo destes
ríos.