O
presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe, no inicio da
súa visita institucional a Arxentina e Uruguai, que será unha viaxe cun contido
marcadamente cultural pero tamén económico, “porque imos seguir traballando –aseverou-
para abrir a economía galega a Sudamérica”.
Nun
primeiro termo, afirmou que o feito de que a 42 Feira Internacional do Libro de
Bos Aires se dedique a Santiago de Compostela supón “motivo suficiente para
estar aquí, acompañados de 27 escritores galegos que neste momento representan
a vangarda da literatura e da poesía en galego; das editoriais; do presidente
do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares; do presidente da Real Academia
Galega, Xesús Alonso Montero; do alcalde de Santiago, Martiño Noriega, e do
Conselleiro de Educación, Román Rodríguez”.
Novas oportunidades económicas
Por
outra banda, Feijóo destacou tamén a audiencia que manterá co presidente de
Arxentina, Mauricio Macri. Sobre este encontro, afirmou que este país está
iniciando unha nova etapa económica e social. “Arxentina estase a abrir ao
mundo, mandando seguridade xurídica”, precisou, destacando as novas
posibilidades económicas que se abren para os empresarios galegos e tamén para
os empresarios arxentinos que queiran entrar en Europa a través de Galicia.
Durante a súa estancia no
país, o titular da Xunta saudará á colectividade galega e terá tamén ocasión de
recibir por parte das autoridades locais e da Asamblea Lexislativa o título de
Hóspede de Honra da cidade de Bos Aires. “E o sábado –anunciou- celebraremos unha festividade moi importante chamada Bos Aires celebra Galicia, na que os
galegos encherán as avenidas da cidade. Será unha festa galega no centro de Bos
Aires, con gastronomía, turismo...”.
Visita a Uruguai
O
domingo, 24 de abril, o presidente da Xunta viaxará a Uruguai, onde manterá
unha axenda económica, cun encontro empresarial na Cámara Oficial Española de Comercio
de Uruguai; e unha axenda política, con varias entrevistas institucionais,
entre as que destaca unha xuntanza co presidente da República Oriental de
Uruguai, Tabaré Vázquez, e co intendente da cidade de Montevideo, Daniel
Martínez.
“En
definitiva, estamos a falar dunha viaxe de recoñecemento á emigración galega;
dunha viaxe para saudar aos novos presidentes de Arxentina e de Uruguai; e dunha
viaxe cun contido económico e tamén cultural, en defensa da cultura, da
literatura e da lingua galega, sendo Santiago de Compostela a cidade invitada
na Feira Internacional do Libro de Bos Aires”, concluíu.