Bos Aires | Arxentina.- O
presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, trasladou esta tarde ao
vicexefe do Goberno da Cidade Autónoma de Bos Aires, Diego Santilli, o
agradecemento pola acollida nunha viaxe que, segundo afirmou, está a permitir
estreitar as relacións institucionais e culturais entre Galicia e a capital
arxentina.
Como
proba deste bo recibimento, Feijóo transmitiu a Santilli a relevancia que, como
responsable do Goberno galego, tivo poder reunirse onte co presidente de
Arxentina, Mauricio Macri; coñecer de primeira man cal será a folla de ruta do
país durante o seu mandato -centrada na economía-, e tender a man para
colaborar na modernización do país, na modernización das súas infraestruturas e
dos servizos públicos.
O
presidente da Xunta quixo tamén felicitar á cidade pola extraordinaria
organización da 42 Feira Internacional do Libro de Bos Aires que, tendo a
Santiago de Compostela como cidade invitada de honor, contribúe a manter vivos
os lazos con Galicia, coa súa cultura e coa súa lingua.
Feijóo
destacou tamén a oportunidade que, como invitado, lle brinda a cidade de poder
saudar á colectividade galega durante a celebración, o próximo sábado, da
festividade Bos Aires celebra Galicia, que
terá lugar na avenida de Maio. Un certame que, sen lugar a dúbidas, contribúe a
manter vivo o espírito da colectividade.
Hóspede de Honra da cidade
Ademais
de ser nomeado onte Visitante Distinguido, o responsable do Goberno galego
recibiu tamén esta tarde de mans da vicepresidenta primeira da Lexislatura de
Bos Aires o título de Hóspede de Honra da cidade; unha distinción que xa recibira en 2009 con motivo da súa
primeira visita institucional ao país como presidente da Xunta.
Feijóo
referiuse a esta distinción como unha expresión máis da hospitalidade desta urbe
“que se por algo se caracteriza é por saber acoller aos forasteiros como case
ningún outro lugar do mundo”. E, se ben agradeceu o título, recoñeceu non sentirse nunca hóspede
nesta cidade, xa que é imposible sentirse estranxeiro nunha terra onde viven
máis de 150.000 galegos. “Galicia está e estará sempre onde estea un galego”,
dixo, destacando a nosa capacidade para compartir identidades e facer unha
Galicia máis global e universal, ao que engadiu tamén que “os galegos non están
en Bos Aires, son Bos Aires”.
Feijóo lembrou que ao igual que a galeguidade é un sentimento vivo, “que
une aos que se quedaron aquí a pesar de estar a miles de quilómetros da súa
terra”; Arxentina e Bos Aires tampouco son para Galicia un recordo do pasado,
“é máis, atópanse nas mellores expresións do noso presente”.
Sobre este
punto, aseverou que se a historia dos galegos que buscaron unha vida mellor
nesta cidade, neste país e en toda Sudamérica foi unha historia de dignidade, é
porque a outra parte, a sociedade de acollida, é unha sociedade digna. “E ese é
o recoñecemento unánime que todos os galegos, os de aquí e os de alí, lle fan a
Arxentina todos os días”, abundou.
Por ultimo,
Feijóo reivindicou a importancia dos galegos no exterior para alcanzar a estabilidade
“que facilite a creación de riqueza e emprego para os que están dentro e tamén
no establecemento dunhas relacións estreitas e duradeiras cos que están fóra”.
“Para iso é necesario contar cas catro provincias que compoñen o noso
territorio, pero tamén con todos os galegos que se atopan ao longo do mundo”,
incidiu.