Montevideo
(Uruguai).- O
presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, e o presidente da República
Oriental do Uruguai, Tabaré Vázquez, avaliaron durante un encontro mantido na
tarde de onte (22,00 horas en Galicia), novas posibilidades de colaboración
entre Galicia e Uruguai, centrándose en sectores como as enerxías renovables
para non depender do petróleo e dos seus derivados.
“Coincidimos
en que non podemos ser cativos do petróleo e dos seus derivados e de que temos
enerxía e capacidade instalada para ter enerxías renovables tanto hidráulica
como eólica, fotovoltaica e biomasa. Sobre esta última, no caso de Galicia, que
conta co 46% do total da masa forestal de España, estamos neste momento
investindo en biomasa eléctrica e térmica”, dixo o titular da Xunta, recordando
que tanto Uruguai como Galicia están a traballar para conseguir un modelo
enerxético 100% renovable.
Así mesmo,Tabaré
e Feijóo avaliaron máis polo miúdo as oportunidades da enerxía eólica mariña,
sector no que Galicia está construíndo, neste momento, os principais parques de
eólica mariña de Europa: tanto no referido a torres de 40 metros que van
suxeitas ao fondo mariño, como torres flotantes de 3.000 toneladas de aceiro.
Proxecto estratéxico de infraestruturas de Uruguai
Tras o encontro, o
responsable do Goberno galego destacou positivamente o feito de que o Goberno
de Uruguai estea a valorar a posibilidade de presentar en Galicia o Proxecto de
Infraestruturas do país, “que conta cun valor de máis de 12.500 millóns de
dólares de investimento”. “Para nós sería unha grande honra que o proxecto
estratéxico de infraestruturas do país se presentase en Galicia, para España e
para o resto de Europa”, aseverou, subliñando que se trata dun proxecto
ambicioso, de modernización do país e con participación público-privada para
activar o investimento na economía de Uruguai.
Tabaré e Feijóo
coincidiron na importancia das estradas e de recuperar o ferrocarril para
mercadorías e pasaxeiros en Uruguai. E, en materia de hospitais insistiron na
oportunidade da coordinación dos hospitais de orixe español. “E tamén falamos
da posibilidade de poñer a disposición do país o sistema de tratamento de
residuos, un tema que pode ser interesante para Uruguai que ten unha poboación
similar a Galicia”, engadiu, o
responsable do Goberno galego.
Logo de invitar ao
presidente de Uruguai a visitar Galicia, “a terra dos seus avós”, e expresar “o
recoñecemento á amizade e á cordialidade coa que este país tratou desde sempre
aos galegos”; Feijóo quixo tamén trasladar
a Tabaré Vázquez a solidariedade do pobo galego ante as inundacións que están a
sufrir algunhas zonas.