A Xunta de
Galicia recoñece o labor dos concellos galegos para manter a nosa Comunidade
como a autonomía española nas primeiras posicións co maior número de bandeiras
azuis en 2016. Galicia mantense á cabeza no número total de bandeiras azuis
recibidas, cun 141 distincións para praias e portos deportivos; e na segunda
posición no número total de areais que contan con bandeira azul, cun total de
123 praias galegas con galardón, despois de Valencia con 125 distincións.
Deste xeito, a
comunidade galega acapara case o 15% das 586 bandeiras azuis totais outorgadas
en España pola Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor (ADEAC) aos
areais, e vai seguida no ranking nacional pola Comunidade Catalana (98 bandeiras).
Nesta nova
edición, o Concello de Sanxenxo volve repetir posición como o concello galego
con máis bandeiras azuis, con 11 praias distinguidas e que neste ano recupera o
distintivo para a praia Paxariñas, que non obtivo en 2015. Por outro lado,
celébrase o 30 aniversario das banceiras azuis en España e dúas praias galegas
(Bastiagueiro, no Concello de Oleiros, e Grande, en Miño) súmanse ao listado de
areais recoñecidos con esta distinción durante as 30 edicións consecutivas.
Na provincia
de Pontevedra, destacan tamén o Concello de Vigo, que mantén as 9 acadadas en
2015; e a recuperación da bandeira azul par a praia da Laceira, no Concello de
Baiona e do Con, no municipio de Moaña.
Na provincia
da Coruña é o municipio de Arteixo o que máis recoñecementos deste tipo obtén
este ano, con sete; seguido de Boiro, con seis areais distinguidos. Oleiros,
pola súa banda, volve a sumar á lista de areais galardoados a praia de Naval, ao
recuperar a bandeira azul que non obtivo en 2015.
Polo que
respecta á provincia de Lugo son Barreiros e Foz os concellos máis recoñecidos,
con seis galardóns cada un, mantendo o número de bandeiras recibidas en 2015.
Non obstante, ambos concellos suman unha incorporación Arealonga e A Pampillosa,
respectivamente; mentres que o areal de Altar (Barreiros) e Os Xuncos (Foz) perden
a bandeira azul, que si conseguiron en 2015.
Os criterios
esixidos para a obtención de bandeiras azuis están relacionados coa calidade
das augas, que ten que ser excelente; a seguridade, a completa dotación de
servizos, a accesibilidade, a atinada xestión ambiental e a sustentabilidade
dos areais e das dársenas.
Portos deportivos, centros e sendeiros azuis
En relación
aos portos deportivos, en 2015 Galicia obtén 18 galardóns, dos que oito son das
provincia de Pontevedra, outros oito da Coruña e dúas de Lugo. É de destacar
que Galicia tamén recibe a distinción para 12 centros azuis, dun total de 64 en
toda España.
O requisito para converterse en centro azul para un concello con
bandeira azul ás súas praias ou portos, é a existencia dun centro de
visitantes, aula do mar ou de natureza que ofreza educación ambiental sobre os
ecosistemas litorais e o desenvolvemento sostible, así como información
específica e/ou actividades relacionadas co programa Bandeira Azul. O municipio
que queira optar a esta distinción debe presentar un dossier xustificativo da
súa proposta, así como, ao ano seguinte, a memoria anual da actividade, xunto
coa súa candidatura, que xustifique o mantemento da súa condición como centro
azul en anos sucesivos.
Por estes motivos, a Xunta de Galicia felicita aos
concellos de Bueu, Sanxenxo, Illa de Arousa, Vilagarcía de Arousa, Vigo,
Redondela, Marín, Oleiros, Ortigueira, Boiro, Muros e Burela, por sen quen de
manter estes recoñecementos.