O
presidente da Xunta, Núñez Feijóo, destacou hoxe a necesidade
de reactivar coa máxima intensidade o diálogo social para dar un salto
cualitativo nas desigualdades que aínda persisten. E, nese sentido, referiuse á posta en marcha da Axenda de emprego da Comunidade
Autónoma que compromete 1.000 millóns de euros ata o ano 2020 e pretende
fomentar o emprego de calidade, a través da formación, capacitación e
especialización durante a vida laboral.
Ademais,
lembrou que co mesmo obxectivo, a Xunta solicitou ao Consello Galego de Relacións
Laborais a negociación dun acordo marco interprofesional de ámbito autonómico
que permita dar un salto cualitativo.
Durante
a apertura do Congreso UXT-Galicia, e desde o respecto á autonomía das organización
sindicais e empresarias, incidiu na necesidade de abordar esa negociación e
animou a facelo “para conseguir –dixo- froitos como os que logramos nestes anos
de crise”.
Sobre
este punto, e logo de subliñar que ningún dos obxectivos é posible se non
entendemos Galicia como unha causa común na que todos precisamos de todos;
Feijóo insistiu en que “todos coincidimos no esencial: en que avanzamos pero
non estamos satisfeitos; que queda moito por facer”.
O
titular da Xunta afirmou que a sociedade, igual que na Transición e nos anos
oitenta, pide acordos que permitan conciliar emprego inclusivo e igualitario,
cunha competitividade que xa non é unha opción, senón unha esixencia na
economía global na que estamos. Nesta
liña resaltou que, se ben en Galicia descendeu o paro e o número de ocupados se
mantén por riba do millón, o primeiro problema da nosa Comunidade continúa a
ser o desemprego “hai moitas familias que o seguen a pasar mal, e máis de 228.000
galegos queren traballar e non poden”.
Así
mesmo, lembrou que hoxe coñecemos dous novos datos económicos que constatan a reactivación económica que está a experimentar a
nosa Comunidade. “A industria galega estase recuperando,
somos a segunda Comunidade Autónoma con maior incremento do IPI” e de confirmarse
o contrato para a construción de dos novos buques para Navantia o emprego na ría
de Ferrol chegaría para quedarse.