O presidente
do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, afirmou hoxe que o Parlamento ten unhas
constantes vitais “saudables” e recordou
que recolle o apego dos galegos pola palabra e o acordo. “O Parlamento
–lembrou- é o que somos”.
Durante
a presentación do presidente da Cámara galega, no almorzo informativo
organizado por Nueva Economía Forum-Tribuna Galicia, Feijóo lamentou, non
obstante, que moitas veces os acordos que se acadan consigan menos eco que as
controversias; “seguramente –dixo- debido a que algúns entenden que acordar é
un demérito, algo que é mellor ocultar”. “Velaí, un problema do parlamentarismo
moderno”, reflexionou.
Do seu
presidente, Miguel Ángel Santalices, o titular da Xunta destacou o seu talante
e a súa experiencia. E asegurou que se o Parlamento equivalese a unha sala de
concertos, “diríamos que é nel onde intentan concertarse as vontades que
existen nun pobo, baixo a batuta do seu presidente”.
Ao
longo da súa intervención, Feijóo situou a Santalices nesa saga de profesionais
galegos da medicina que sentiron a chamada da política e levaron a ela a bagaxe
de vivencias experimentadas coa bata branca. “Por sorte para o noso
autogoberno, eses valores médicos e terapéuticos chegaron tamén á primeira Presidencia
da Xunta da man de Xerardo Fernández Albor e estiveron presentes na Delegación
do Goberno, con Domingo García-Sabell”, lembrou.