O próximo 3 de xuño, Sogama levará a cabo en Pontevedra, na sede da Fundación Abanca, unha xornada coa que pretende conmemorar o Día Mundial do Medio Ambiente, que terá lugar o domingo 5. Baixo o título “Galicia, na senda da economía circular”, a empresa pública propúxose profundar en todos os aspectos vinculados a este concepto, definido como a produción de bens e servizos cun menor gasto de materias primas, enerxía e auga, estando estreitamente interrelacionado co desenvolvemento sostible.
A economía circular eríxese así na intersección dos aspectos ambientais e económicos e novo paradigma para a sociedade, pretendendo que o residuo se converta en recurso. E é aquí onde cobra especial protagonismo o criterio Multi-R, que supera xa o tradicional principio comunitario dos tres erres, apostando de forma decidida por repensar, redeseñar, refabricar, reparar, redistribuir, reducir, reutilizar, reciclar e recuperar.
Estructura
O evento, que será inaugurado pola Conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, estará presentado e moderado polo Presidente de Sogama, Javier Domínguez, contando coa intervención de poñentes de alto nivel que darán a coñecer a situación actual da xestión dos residuos en Galicia, España e Europa.
Así mesmo, avanzaranse as liñas de futuro para a recuperación dos refugallos mediante a reciclaxe, a compostaxe e a valorización enerxética da parte non reciclable, conforme ao establecido no Paquete europeo de Economía Circular, así como no Plan Estatal Marco de Residuos (PEMAR) 2016-2022. Será Juan Manuel Revuelta, Director da Fundación Finnova, con sede en Bruxelas, quen se fará eco dos instrumentos de financiamento comunitario enmarcados na xestión sostible dos residuos urbanos, encargándose Margarita Ruiz Saiz-Aja, Subdirectora Xeral de Residuos do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente, de abordar os pormenores do PEMAR 2016-2022, aprobado en Consello de Ministros o pasado mes de novembro.
Pola súa banda, Verónica Tellado, Subdirectora Xeral de Residuos da Xunta de Galicia, falará do presente e futuro da xestión dos residuos urbanos na nosa comunidade, conforme ao plan autonómico 2010-2020, describindo as súas liñas de actuación, obxectivos, medios e retos. Rafael Guinea Mairlot, Presidente de Aeversu (Asociación Española de Empresas de Valorización Enerxética de Residuos Urbanos) será o encargado de analizar a situación da valorización enerxética dos residuos non reciclables a nivel nacional e europeo, especificando as súas potencialidades e beneficios, tanto desde a dimensión medioambiental como económica e social.
Xa na sesión de tarde, Oihan Sagastuy Arbide, Responsable do Departamento Técnico de GHK (Consorcio de Residuos de Guipúzkoa), exporá a experiencia desta área xeográfica na materia, dando a coñecer o papel que, neste sentido, veu desempeñando a compostaxe. Isidro García Téllez, Director Xeral de Sogama, desgranará o proceso de ampliación da infraestrutura industrial desta empresa pública, que fará posible que esta se converta nun referente mundial para o sector. A secuencia de relatorios concluirá coa intervención de Benito Blanco, Xerente de Proxectos de Residuos en Applus +, que profundará nos retos da xestión dos residuos no ámbito municipal.
Todas as conferencias irán seguidas por unha quenda de preguntas na que os asistentes poderán formular as súas dúbidas e expresar os seus comentarios e observacións en aras dunha maior transparencia. Ás 19:00 horas, Javier Domínguez procederá á clausura do evento, dando traslado ao público das principais conclusións do mesmo.
Para formalizar a inscrición na xornada, os interesados deben cumprimentar un formulario específico ao que poderán acceder a través da páxina web www.sogama.es, onde figura igualmente o programa do evento. Departamento de comunicación