El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Nacional

Méndez Romeu: "Temos a forza e a convicción de que somos quen de afastar ao Goberno do PP"

25-05-2016 07:48:54
José Luis Méndez Romeu.

Vigo. O candidato ás primarias do PSdeG-PSOE continúa participando en diversos actos con militantes. Nesta ocasión, visitou o concello de Negreira e mantivo reunións con socialistas de Redondela, Vigo e A Guarda. Na cidade olívica, José Luis Méndez Romeu, foi presentado polo alcalde de Vigo, Abel Caballero, quen loou a súa traxectoria e a súa longa relación de amizade. 

 Ante un auditorio de máis de 300 persoas, Méndez Romeu referiuse ao impacto que ten a posición política de Vigo en España: “En toda Galicia se escoita con atención a Abel Caballero e sábeo ben Núñez Feijóo”. Acto seguido, explicou os motivos que lle levaron a presentar a súa candidatura ás primarias do PSdeG-PSOE: “Quero deixar claro que non me presento para dar unha batalla interna, senón para presidir a Xunta de Galicia e acabar coa dereita. Preséntome para acabar con este pesadelo, que leva xa sete anos”. 

O portavoz parlamentario sinalou que foron diversos colectivos e persoas os que lle pediron que se presentara, e agora “as primarias son o primeiro paso deste camiño que nos ten que levar á Xunta”. Neste intre, criticou con dureza a política do PP baseada na desigualdade, nunha clase media arruinada e nos ataques continuos aos asalariados. 

Destacou, así mesmo, que o PP fixo recortes drásticos en sanidade e educación, que suprimiron axudas sociais e fomentaron a desigualdade. “Hoxe xa non hai contratos estables e, que non haxa dúbida, haberá persoas que nunca terán dereito a pensión debido as políticas da dereita”, dixo. 

Para o socialista, ese é o modelo de relacións laborais de Feijóo, “cos sectores primarios abandonados a súa sorte”. Para Méndez Romeu a forma de recuperar o goberno de Galicia pasa pola unidade interna do partido: “Veño a convidar a todas as persoas para dar un paso ao fronte e comparecer diante da sociedade co mellor que temos, o capital humano. Vamos a abrir o partido á xente, a falar coas persoas e a escoitar con humildade para empezar a construír con eles a resposta aos seus problemas”. 

O candidato aclarou que “son unha persoa de consenso e de diálogo, pero tamén son unha persoa de goberno, de levar a cabo os obxectivos marcados”. José Luis Méndez Romeu rematou a súa intervención asegurando que: “É o momento, temos a forza e a convicción de que somos quen de afastar ao goberno do PP”. Tamén fixo referencia ao carácter galeguista do PSdeG-PSOE por moitas razóns, entre elas, as de defender os intereses de Galicia cando e onde sexa necesario. 


Mareas

Preguntado polos medios de comunicación sobre as últimas declaracións do Secretario Xeral do Partido Socialista, Pedro Sánchez, sobre as Mareas amosouse satisfeito porque “ratifica, punto por punto, o que levo dicindo dende o día que anunciei a miña candidatura. Estamos diante de gobernos en España e en Galicia que se limitan a facer postureo, en cambio os gobernos que dirixe o Partido Socialista executan as políticas sociais que necesitan os cidadáns. Agardo que dende este momento toda a organización socialista galega asuma esta posición política como a posición de toda organización e que actúe en consecuencia”. 


Leiceaga e Caballero

Sobre o pacto entre Leiceaga e Caballero declarou que ten o máximo respecto polos dous, “pero creo que nun proceso de eleccións primarias non pode haber un mercado de votos. Os votos non son unha mercadoría propiedade de ningún candidato. Eu busco o apoio, cara a cara, de cada afiliado, de cada militante, en toda Galicia, e non se me ocorrería de modo algún transformar iso nun paquete, nunha bolsa que pode ser intercambiada a cambio de non se sabe moi ben que”.  

Méndez Romeu destacou que en todo caso eles teñen liberdade plena para seguir actuando así, e serán os militantes, o sábado, os que decidan co seu voto. Departamento de comunicación





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias