A Fundación Caixa Galicia inaugurou en Santiago a mostra "A fotografía na colección do IVAM". A exposición ofrece un percorrido pola historia da fotografía a través de máis dun cento de obras de artistas nacionais e internacionais. Ata o vindeiro 8 de abril, a sede compostelá da Fundación acolle en exclusiva esta selección de imaxes que pretende amosar a obra de fotógrafos nacionais e internacionais "con un papel importante en la evolución de la fotografía", segundo explicou a AGN o coordenador da mostra e conservador de Fotografía do Institut Valenciá d'Art Modern (Ivam), José Vicente Monzó. Dende as orixes da fotografía, con algunhas das primeiras imaxes elaboradas por Talbot a partir de negativos, ata a creación fotográfica máis recente, sen esquecer as vangardas e a fotografía de compromiso político, a exposición amosa non só a vontade documental ou artística dos autores, senón tamén a evolución da técnica, con fotomontaxes, oco-gravados e collages. Nomes como os de Talbot e Nadar, precursores da fotografía, a Man Ray, Moholy-Nagy, Catalá Pic, Rodchenko, Lissitzky, Vertov, Heartfield, Lewis Heine, Walker Evans, Cualladó ou Terre, que escribiron coa súa obra a historia da fotografía aparecen na mostra xunto a outros máis recentes, como Chema Madoz, Xurxo Lobato, Baldessari ou Fontcuberta. A colección fotográfica do Ivam consta de máis de 2.800 fotografías de autores que, segundo Monzó, "aportaron visiones distintas o renovadoras del lenguaje fotográfico". O Ivam alberga a colección da Real Academia de Belas Artes de San Carlos, que contén pezas históricas dalgúns dos grandes pioneiros da fotografía. Man Ray A Fundación Caixa Galicia, en colaboración con PhotoEspaña, levará á sede coruñesa a partir de setembro unha mostra do fotógrafo surrealista Man Ray. Asimesmo, contra final de ano, a entidade traerá a Galicia artistas da fotografía internacional, como Alberto García-Alix, Paco Jorquera, Rafael Trobat ou Sylvia Plachy.