Silleda.- Un total de
1.033 aspirantes, un 80% do total de convocados a unha das 201 prazas na
sanidade pública galega, presentáronse hoxe aos exames da Oferta Pública de
Emprego do Servizo Galego de Saúde que se celebraron no Recinto Feiral de
Silleda.
Durante a
xornada de mañá do día de hoxe estaban convocados 1.289 aspirantes das
categorías de logopeda, técnico/a en farmacia, e técnico/a superior en
radioterapia; e durante a xornada de tarde, os 7.373 aspirantes da categoría de
técnico/a en coidados auxiliares de enfermería.
O día 29 de
maio realizaranse, na quenda de maña, os exames das categorías de
fisioterapeuta, técnico/a superior en hixiene bucodental, e técnico/a superior
en laboratorio de diagnóstico clínico, que representan 2.375 aspirantes. En
quenda de tarde examinaranse os 1.631 aspirantes das categorías de enfermeiro/a
especialista en obstetricia e xinecoloxía, técnico/a superior en anatomía
patolóxica e citoloxía, técnico/a superior en imaxe para o diagnóstico e
terapeuta ocupacional.
Desenvolvemento
das probas selectivas
As probas
selectivas comprenden tres exames tipo test. Un de parte común, do que quedan
exentos os aspirantes admitidos pola quenda de promoción interna; outro da
parte especifica relacionado cos coñecementos e funcións propias da
categoría/especialidade, e un terceiro acreditativo do coñecemento da lingua
galega, do que quedan exentos aqueles aspirantes que acrediten estar en
posesión do Celga requirido na convocatoria ou equivalente.
Así mesmo,
no marco das previsións da normativa de igualdade efectiva de mulleres e homes,
está previsto facilitar a execución material das probas ás opositoras xestantes
que o soliciten previamente, mediante o desprazamento dunha delegación do
respectivo tribunal aos centros sanitarios onde figuren ingresadas, así como se
practicarán as adaptacións de tempo e medios necesarias para realizar os
exercicios co obxecto de garantir que todas as persoas aspirantes concorran ao
proceso en condicións de igualdade.
Transparencia
e seguridade no proceso
Este proceso
selectivo incorpora medidas tendentes a dotar dunha maior seguridade ao mesmo
nas súas diversas fases, entre as que cómpre destacar, a posta a disposición
dos tribunais de selección dunha plataforma securizada en entorno web con
acceso mediante certificación dixital.
Isto permite o seguimento de todo o proceso,
confidencialidade na elaboración das preguntas, selección dos exames aleatoria
e automatizada sobre unha batería de preguntas, imposibilidade de xerar ningún
documento electrónico ata a data de impresión e impresión e custodia dos exames
en sala securizada.