A Habana | Cuba.- O president do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, afirmou hoxe durante o acto de
clausura do XI Consello de Comunidades galegas, que Galicia e os galegos de
todo o mundo “estaremos ao lado de Cuba neste ilusionante proceso de
actualización que o pobo cubano decidiu emprender”. “Desde a proximidade e
desde o respecto e a xenerosidade, queremos acompañar a este país no seu camiño
e queremos facelo coas ferramentas que pon o século XXI nas nosas mans”,
aseverou.
Ao
longo da súa intervención, o presidente da Xunta trasladou ao Consello de
Comunidades, do que forman parte máis dun centenar de centros e casas de
Galicia, a felicitación polo traballo realizado. “Estes días na Habana
reforzouse a galeguidade”, dixo, facendo fincapé en que integrar as xeracións máis novas nos centros
galegos e nas súas directivas significa ter relevo
xeracional e, polo tanto, ter futuro.
Feijóo quixo tamén enviar unha
mensaxe de recoñecemento para aqueles galegos que construíron a súa vida a
moitos quilómetros de distancia e que hoxe teñen que afrontar un futuro
incerto. E para eles, garantiu o apoio da Xunta e das comunidades galegas no
exterior.
Así mesmo, o responsable
do Executivo autonómico animou aos participantes neste undécimo plenario a
seguir construíndo galeguidade todos xuntos, “con renovadas ansias e renovados
compromisos”. “Os galegos non nos definimos por oposición a outros pobos, senón
que nos integramos neles. Axudamos a construír Cuba, ao tempo que Cuba servía
de fogar para moitos galegos e o mesmo pasou en Arxentina, en Venezuela, en México...”, lembrou, avogando por seguir
estreitando os lazos entre
os fogares da nosa emigración e Galicia.
Logo de asistir á Ofrenda
Floral no Panteón de Naturais de Galicia, Feijóo pechou o seu encontro coa
colectividade no exterior, asistindo ao almorzo ofrecido ao Consello de
Comunidades galegas, para agradecer a todos os
galegos do exterior o que fixeron e o que seguen a facer pola nosa identidade e
a nosa cultura; e por manter aceso o facho de Galicia por todo o mundo.
Posteriormente, asistirá á
presentación do espectáculo
‘Son galego, Son cubano’ do artista
galego Roi Casal, coa participación especial de Pablo Milanés e Nando Casal en
homenaxe ao escritor Xosé Neira Vilas. Un espectáculo no
que se escoitarán as letras de Neira Vilas da man de músicos dun lado e outro
do Atlántico –Roi e Nando Casal por parte de Galicia e Pablo Milanés polo lado
cubano-, recollendo á perfección ese matrimonio cultural que forman o pobo
cubano e o pobo galego.
Non en van, o verdadeiramente grande da
galeguidade é o xeito en que se foi entretecendo coas identidades, os costumes
e as culturas dos lugares onde arraigaba. A Historia de Galicia non pode
entenderse sen a Historia dos lugares que acolleron aos seus emigrantes.