El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Nacional

BNG-NÓS presenta o programa electoral

02-06-2016 16:28:17
Presentación do programa electoral.

Os cabezas de candidatura, Carlos Callón (A Coruña), Olalla Rodil (Lugo), Luís Bará (Pontevedra) e Noa Presas (Ourense) resumiron as medidas máis relevantes dun programa deseñado baixo a premisa de que Galiza ten potencialidades e que os recurso do país deben servir para dar un futuro mellor aos galegos e galegas.

“Un elemento clave do programa é poñer os recursos de Galiza ao servizo do país, para deixar de vivir unha vida pobre nun país rico, e para iso precisamos voz, veto e voto”, salientou Callón, quen subliñou o BNG non da cheques en branco.

“Hai unha cuestión fundamental que nos diferencia das forzas estatais: que non damos cheques en branco, con nós negóciase para chegar a acordos, non para falar de reparto de cadeiras, senón sobre un programa claro a favor de Galiza”, nun escenario sen maiorías absolutas, -dixo-, “no que as enquisas amosan que para conformar un goberno do Estado haberá que contar coas forzas nacionalistas”.

Callón salientou que Galiza non pode quedar muda porque se agravaría a situación de emerxencia, “senón temos unha voz que nos defenda e nos faga valer” como van ter as outras nacións do Estado. “Precisamos ter voz, veto e voto para condicionar as políticas do Estado a favor do país”, recalcou.Entre as medidas concretas, a transferencia da AP-9, e outras infraestruturas de interese xeral viarias, portuarias e ferroviarias. Ademais, medidas de apoio a cultura e a lingua “que é o que nos une e non pode estar discriminada en ningún ámbito”.


Fiscalidade variable para autónomos

Rodil denunciou que a crise económica foi utilizada para recortar dereitos laborais, por iso o programa do BNG inclúe como prioritario “derogar as reformas laborais do PP e do PSOE e poñer a economía a favor das persoas”, incluíndo un plan específico de loita contra a pobreza e a exclusión social.

A candidata por Lugo destacou como medidas “a reforma fiscal progresiva que permita financiar os servizos públicos e unha fiscalidade variable para os autónomos en función dos ingresos sen cotas fixas que son incapaces de afrontar”, indicou. Dentro das medidas fiscais, Rodil salientou as encamiñadas a conseguir que as empresas “que operan en Galiza tributen no país, en particular as que utilizan recursos naturais”.

Igualmente, deixou claro que o Bloque rexeita calquera recorte, e demanda as forzas estatais unha posición clara respecto “das novas reformas e recortes que propoñen desde a UE”.


Con futuro

Pola súa parte, Luís Bará explicou que o programa “servirá para defender en Madrid un cambio profundo do modelo político e institucional, económico e social, por inxusto, corrupto e cada vez máis centralizado”. O candidato por Pontevedra salientou que o programa recolle a confianza do BNG no país.

“Este país ten futuro é o noso programa pode resumirse en dúas palabras: crer e querer. Crer nas potencialidades deste país, e quererlle, terlle amor e confiar nel, querer sacalo adiante e poñer todas as enerxías, recursos e posibilidades para que Galiza conquiste o seu futuro. Hai vai estar sempre o BNG”, argumentou. Departamento de comunicación / BNG





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias