A cuarta edición de 'Galicia Escena PRO', o
mercado de artes escénicas organizado pola Axencia Galega das Industrias
Culturais (Agadic), inicia mañá día 6 en Santiago de Compostela catro días de
actividade profesional e artística arredor da produción galega nos ámbitos do
teatro, danza, novo circo e maxia.
Nesta primeira xornada, os máis de 120
profesionais acreditados e o público xeral terán a posibilidade de ver os
espectáculos de nove das 27 compañías en cartel, seleccionados entre o total de
108 propostas recibidas para participar neste evento.
As montaxes para público infantil e familiar
de Teatro da Semente e de Pérez&Fernández serán as encargadas de inaugurar
esta programación con cadanseu título: 'Gretel e Bela', un encontro escénico
entre as personaxes protagonistas dos contos 'Hansel e Gretel' e 'A bela
adormecida', que se representará ás 12.00 horas na sede da Fundación SGAE, o
mesmo espazo que acollerá ás 13.15 horas 'O poder de Amabel', unha historia
inspirada na novela infantil de Érica Esmorís e interpretada por monicreques e
actores. A estas dúas funcións matinais asistirán como público grupos de escolares
de distintos centros de ensino de Santiago.
Programa de tarde
Xa pola tarde, a actividade trasladarase ao
Auditorio Abanca, onde ás 17.30 horas a compañía Teatro Gorakada (a primeira
das tres que, procedentes de Euskadi, están presentes na programación deste
ano) porá en escena 'Moby Dick', un espectáculo para todos os públicos (nenos a
partir de seis anos), que recrea a coñecida obra de Edgar Melville a través dun
exercicio de creación colectiva baseado na adaptación realizada por Julio
Salvatierra.
A continuación, chegará 'Os amores de Jacques
o fatalista', o último espectáculo de PT Excéntricas, que se escenificará ás
19.00 horas no Teatro Principal. Quico Cadaval dirixe a adaptación deste texto
de Denis Diderot, que conta con escenografía de Marcelino de Santiago 'Kukas' e
con Víctor Mosqueira, Marcos Orsi, María Costas e Piti Sanz no elenco
interpretativo.
A actividade do día rematará cunha sesión de
'showcases' destinada aos profesionais
acreditados. Será a partir das 22.00 horas no Salón Teatro e contará coa
participación de Antón Coucheiro con 'Múltiple', Butacazero con 'Voaxa e
Carmín', Colectivo T.O.X.O. con 'A vida das tormetas', Culturactiva con 'Falar
sen cancelas' e Pisando ovos con 'Give it a spin'.
A meirande parte das montaxes que se presentan en Galicia Escena PRO
2016, tanto en formato completo como en ‘showcase’, atópanse no inicio do seu
percorrido polos escenarios, de xeito que esta carteleira supón unha excelente
oportunidade para que os programadores lle tomen o pulso á actualidade escénica
galega cara á configuración das axendas culturais que ofrecerán os teatros,
auditorios e festivais de toda Galicia durante a próxima temporada. Ademais, e
igual que na pasada edición, está prevista para o xoves unha sesión 'pitching',
na que se presentarán outros dez títulos en fase de proxecto ou pre-produción.
Entrada gratuíta
O público xeral tamén poderá asistir de xeito
gratuíto a todas as funcións de formato completo ata completar a capacidade de
cada sala e unha vez teñan accedido os acreditados. As invitacións para cada
espectáculo poderán retirarse na billeteira do espazo correspondente desde unha
hora antes do inicio.{strong}{/strong}
En canto á actividade estritamente profesional
da xornada inaugural de mañá, Galicia Escena PRO arrancará ás 10.00 horas na
biblioteca do Consello da Cultura Galega co seminario 'Como utilizar o e-mail
marketing para optimizar a nosa estratexia de comunicación', que será impartido
por Pepe Zapata, socio da consultora Teknecultura, a 25 profesionais do
sector.
Este taller conta coa
colaboración da Coordinadora de Ferias de Artes Escénicas del Estado Español
(Cofae). Pola súa banda, o Salón Teatro acollerá ás
16:30 horas a presentación do Mercado de Artes Escénicas MERCARTES, unha
convocatoria a nivel nacional que se celebrará do 9 ao 11 de novembro en
Valladolid; en tanto que na Fundación SGAE terá lugar ás 14:30 horas o primeiro
dos encontros incluídos no programa para favorecer o intercambio profesional
dos axentes culturais acreditados no mercado, entre os que se atopan
programadores de espazos escénicos públicos e privados, de festivais e
representantes de compañías e empresas distribuidoras.