O candidato do PSdeG á Xunta de Galicia,
Xoaquín Fernández Leiceaga, destacou esta noite que “o PSOE é o único partido
que se compromete co futuro do sistema público de pensións” e “aporta medidas
serias para garantilas”. Nun mitin en Verín no que participou xunto coa número
1 ao Congreso por Ourense, Rocío de Frutos, e o alcalde, Gerardo Seoane,
lembrou que o Sistema Público de Pensións “é a política pública con maior
capacidade de redistribución e redución das desigualdades”, e destacou que o PP
“reduciu a menos da metade en só catro anos a hucha que deixamos os
socialistas”.
“As políticas do PP son unha seria ameaza
para o sistema público de pensións, e se continúan a este ritmo de gasto, a
hucha quedará completamente baleira en 2018”, explicou, mentres “condenan aos
pensionistas a un progresivo empobrecemento”.
Leiceaga lamentou que “o PP está
preparando o camiño para os fondos de pensións privados”, e contrapúxoo ás
medidas socialistas para recuperar o Pacto de Toledo, aprobar un novo estatuto
dos traballadores que promova dereitos laborais e emprego de calidade e
establecer un sistema complementario de financiación a cargo dos PGE, como a
maioría dos países do noso entorno, cunha “contribución de solidariedade”
vencellada á riqueza xeral do país, que recaería só nas rendas máis altas e nas
grandes fortunas e patrimonios.
“Cando votedes, pensade no futuro das vosas
pensións, nas becas, na sanidade e a educación pública, no que vos importa”,
afirmou Leiceaga, que reivindicou a política do PSOE como “a das persoas”, e
exemplificouno coa imaxe do primeiro día de campaña, “con Pablo Iglesias sen
molestarse nin en pisar a rúa, pensando só nos platós, mentres Pedro Sánchez
chamaba aos timbres porta a porta”, dixo.
“Hai dúas persoas que non queren que
haxa campaña, Rajoy e Pablo Iglesias. Queren á xente desinformada, mentres os
socialistas queremos que a cidadanía vexa e compare os proxectos dos partidos”. Comunicación PSdeG-PSOE