Lugo.- O candidato
socialista á presidencia da Xunta, Xoaquín Fernández Leiceaga, reivindicou hoxe
a capacidade de “impulsar o cambio no sentido progresista” demostrado polo
PSdeG nos concellos galegos. Así o dixo nun acto de conmemoración de “Un ano de
gobernos municipais socialistas”, celebrado en Lugo xunto co presidente do
Congreso, Patxi López, a candidata ao Congreso Margarita Pérez Herraiz e a
alcaldesa, Lara Méndez.
O responsable
socialista dixo que os socialistas galegos “representamos o cambio municipal e
vamos a representar o cambio en España primeiro e en Galicia despois” nas
eleccións xerais e autonómicas. Sinalou que grazas a este cambio os socialistas
gobernan hoxe a 1 de cada 3 galegos e galegas, ademais de dirixir 3 das 4
deputacións provinciais de Galicia.
Sinalou que en
tan só un ano os gobernos socialistas contribuíron de forma definitiva a parar
os desafiuzamentos, foron punta de lanza no impulso aos programas sociais e na
atención á emerxencia social. Os concellos galegos, engadiu, demostraron outra
forma de gobernar facendo bandeira da transparencia coa cidadanía e da
erradicación da lacra da corrupción.
Tamén
reivindicou a “proverbial” capacidade de integración, diálogo e entendemento
dos socialistas galegos, que demostraron o éxito de coalicións, pactos e apoios
diversos que permitiron garantir gobernos plurais.
Puxo como
exemplo o Concello de Lugo, onde un goberno en minoría foi quén de sacar
adiante os orzamentos e políticas dirixidas a atender ás necesidades da
cidadanía, demostrando man tendida e capacidade de diálogo nun Executivo
eficaz.
Patxi López
O presidente do
Congreso dos Deputados, o socialista Patxi López, secundou a reivindicación a
favor do cambio socialista nos concellos participando deste acto no que sinalou
a diferenza entre o “abandono, apatía, recortes e concellos de portas pechadas
do PP” e a “apertura, políticas sociais ou políticas activas de emprego” dos
gobernos socialistas.
Sinalou que os
socialistas permitiron que 50.000 persoas atoparan emprego, impulsaron máis de
50 oficinas de mediación para evitar máis de 3.800 desafiuzamentos mentres
impulsaban políticas transparentes garantindo o control público que que non
haxa sombra de dúbida sobre a corrupción.
Así o dixo nun
acto no que tamén interveu a candidata socialista ao Congreso, Margarita Pérez
Herraiz, quen lembrou o escaso apoio que ofreceu o goberno de Rajoy ao
desenvolvemento das políticas sociais dende os concellos durante estes catro
anos.
Sinalou a
importancia fundamental da cooperación institucional nunha provincia como a de
Lugo que ten un 37 por cento de pensionistas, fronte á media dun 21 por cento,
e que posúe unha emigración maior á media e necesita de apoio para o sector
primario, a industria e o desenvolvemento das infraestruturas.
A alcaldesa de
Lugo, Lara Méndez, reivindicou a súa xestión á fronte dun Concello que ten
demostrado “cómo hai que facer política con maiúsculas”, centrada nos “acordos
e o diálogo como base de traballo para dar resposta aos veciños e veciñas” a
través dunha política “de cercanía e resolutiva”.
Ataque EEUU
Os socialistas
galegos enviaron hoxe unha mensaxe de condena categórica contra o ataque
rexistrado esta fin de semana nun club de ambiente nos Estados Unidos, “tanto
proceda do terrorismo islámico como dende a homofobia”, dixo Lara Méndez. Patxi
López amosou a solidariedade dos socialistas coas vítimas e os seus achegados e
reivindicou “o valor da unidade e da pedagoxía, de educar nos valores éticos e
na tolerancia”. Comunicación
PSdeG-PSOE