A Coruña.- O candidato
socialista á presidencia da Xunta de Galicia, Xoaquín Fernández Leiceaga,
criticou hoxe que Feijóo teña renunciado a calquera tipo de política
industrial, agudizando problemas como os que están vivindo as plantas de Alcoa
en Galicia. Así o dixo logo do encontro co Comité de Empresa da factoría de A
Coruña, onde reclamou a diminución dos custes da enerxía e aumento dos
investimentos.
Leiceaga dixo
que “Feijóo prescinde de calquera tipo de política industrial e da lugar a uns
problemas que se suman aos que causa a propia crise e que está a levar por
diante ao tecido industrial galego”. Advertiu que “un ano pode ser demasiado
tempo” para tomar decisións a favor das factorías que ten Alcoa en Galicia e
que se enfrontan á súa posible venta.
O candidato
socialista urxiu a tomar decisións “dende finais de agosto” en canto o próximo
goberno central tome posesión, e que permitan que A Coruña posúa unhas
condicións de funcionamento “como mínimo semellantes ás de San Cibrán”.
Neste sentido,
apostou por diminuír os custes de aprovisionamento da enerxía eléctrica e
aumentar os investimentos que garantan a súa competitividade, medidas que foron
recollidas no decálogo de propostas para o impulso económico presentado polo
candidato socialista a pasada fin de semana.
Se estas accións
se combinan cun escenario de estabilidade que permita amortizar o investimento,
a planta de A Coruña poderá competir con empresas semellantes que traballan na
transformación de metais.
Resumiu que
resulta “absolutamente imprescindible dar para atrás nas condicións de mercado
impostas polos gobernos de Aznar” e aplicar unha “reforma en profundidade no
funcionamento do sistema eléctrico”. O obxectivo, explicou, é “garantir plans
de enerxía en condicións competitivas na UE e no mundo, favorecendo a unhas
empresas que se enfrontan a unha dura competencia internacional.
Consenso
O candidato
socialista ao Congreso, Ricardo García Mira, comprometeu hoxe o “máximo apoio
posible” a estes traballadores dende o momento en que se abra o próximo período
de sesións. Confirmou neste
sentido que os socialistas levarán a iniciativa á hora de garantir “consenso e
traballo colaborativo” dende o lexislativo e no seu caso dende o goberno
central para apoiar ao sector industrial e en concreto ás factorías de Alcoa en
Galicia.
Así o dixo logo
dun encontro no que o Comité de Empresa da factoría coruñesa reclamara que
“tódolos partidos políticos tiren na mesma dirección” xa que “todos son
conscientes do problema e de por ónde teñen que ir as solucións”. Comunicado PSdeG