Salceda de Caselas.- O candidato
socialista á presidencia da Xunta de Galicia, Xoaquín Fernández Leiceaga, dixo
hoxe en Salceda de Caselas –Pontevedra- que fronte á ameaza de sorpasso, nas próximas eleccións “haberá
sorpresa” polo bo resultado socialista. Así o dixo antes da visita ao instituto
de Salceda de Caselas e a explanada da Plisan, unha obra “fundamental” pero
paralizada dende a chegada de Feijóo á Xunta.
Fernández
Leiceaga sinalou que “cando se abran as urnas haberá unha gran sorpresa” co
resultado socialista que “vai indicar con claridade que a trampa na que nos intentan meter a todos non terá éxito e que
representamos unha alternativa seria e sensata ao PP”. Respondeu así a unha
campaña electoral “deseñada para presentar só dúas alternativas e forzar aos
votantes a escoller a menos arriscada”.
Explicou que
“hai outra alternativa de cambio seria, con propostas realistas, sensatas e
posibles de cambio profundo” en torno aos socialistas que “estamos presentes,
con moita forza e capaces de dar a sorpresa”, remachou. Apelou directamente a
unha resposta cidadá fronte aos “grandes poderes económicos e políticos que nos
queren sacar da campaña, para situala entre o inmobilismo de Rajoy e a aventura de Iglesias”.
En resposta a
preguntas dos xornalistas, o candidato socialista explicou hoxe que a súa
proposta para resolver o grave problema xerado por Rajoy e Feijóo cunha débeda
por enriba do PIB é “reforzar as capacidades de investimento da nosa economía e
en definitiva crecer máis para reducir o impacto da débeda sobre o PIB”.
Apostou ademais
por “reforzar a política fiscal combatendo a fraude e poñendo en marcha medidas
correctoras de bonificacións, deducións e outros favores fiscais para conseguir recadación”.
Salceda de
Caselas
O candidato
socialista comezou a xornada facendo un percorrido por Salceda de Caselas, un
dos concellos con maior natalidade de Galicia, onde visitou as instalacións do
Instituto de Ensino Secundario para reivindicar a mellora do ensino público.
Sinalou que a situación económica de Galicia desprazou ás xeracións mozas a
núcleos asequibles que requiren importantes investimentos para garantir a
calidade do ensino.
A portavoz dos
socialistas no concello de Salceda, Verónica Tourón, reivindicoulle á Xunta que
garanta uns investimentos mínimos en sanidade e educación para un concello que
hoxe carece de ensino posobrigatorio e mesmo de transporte público cos
concellos limítrofes que poidan utilizar os máis novos.
Plisan
A continuación
visitou as obras da Plataforma Loxística Salvaterra – As Neves –Plisan-, o gran
centro loxístico do sur de Pontevedra paralizado dende a chegada de Feijóo á
Xunta de Galicia ata o punto de que hai 3 millóns de metros cadrados de chan
industrial que en lugar de cultivar empresas atópanse hoxe anegados por unha
lagoa de ata 17 metros de profundidade.
Criticou que o
que debera ser un dos focos do desenvolvemento industrial do sur de Galicia,
incluso con fondos comunitarios comprometidos, hoxe ten “pouco máis que unha
rotonda, terreos e un vial” de acceso.
A portavoz
socialista no concello de Salvaterra, Rocío Bernárdez, reclamou o desbloqueo
desta infraestrutura “de vital importancia para o sur da provincia”, e
esixiulle a Xunta, Autoridade Portuaria e Porto de Vigo que resolvan o bloqueo
das expropiacións e “se comprometan a rematar o investimento” paralizado polo
PP. Departamento de comunicación