A Deputación da Coruña e a Universidade de Santiago de Compostela (USC) colaborarán na investigación de novos métodos para a contención e control da praga da Vespa velutina na provincia, así como no estudo do seu comportamento e distribución territorial e na avaliación do impacto socioeconómico que supón a entrada en Galicia deste especie invasora.
O presidente provincial coruñés, Valentín González Formoso, anunciou hoxe esta nova iniciativa, que se porá en marcha nas vindeiras semanas a través dun convenio entre a institución académica e a provincial, tras a reunión que mantivo na sede da Deputación coa vicerreitora de Investigación e Innovación da USC, Isabel Rodríguez-Moldes, o director de I+D+i da universidade, Rogelio Conde-Pumpido Tourón, e o portavoz de Alternativa dos Veciños e alcalde de Oleiros, Ángel García Seoane, un dos promotores desta iniciativa.
González Formoso sinalou que os traballos que se leven a cabo “servirán de base para a elaboración dunha estratexia conxunta e efectiva de loita contra esta especie invasora”, a partir da cal a Deputación da Coruña quere liderar unha acción “na que se implique tamén a outras institucións e axentes sociais”, como a administración autonómica, as restantes deputacións e universidades galegas ou as asociacións apícolas da nosa comunidade.
Para a realización destas labores, a Deputación financiará durante un período de un ano a un equipo de traballo multidisciplinar, no que participarán invetigadores dos departamentos de Anatomía Patolóxica, Química Orgánica, Edafoloxía e Química agrícola, Economía Aplicada e I+D+i da USC. Tamén se incorporarán as contribucións da Asoaciación Galega de Apicultura.
O grupo estudará novas alternativas de loita biolóxica contra a vespa asiática, entre elas a opción de control de praga mediante a inoculación de parásitos autóctonos; a distribución xeográfica e a caracterización dos hábitos e comportamentos desta especie e o impacto económico e social da mesma no territorio provincial.
Os responsables da USC sostiveron que “o estudo da bioloxía e dinámica de poboacións da Vespa velutina é fundamental á hora de atallar a praga”, polo que se investigará en profundidade a caracterización do seu hábitat (onde se atopan as colonias, cal é a súa dieta e área de alimentación e o tamaño das mesmas depende da proximidade de colmeas) e as estratexias de control levadas a cabo ata o momento, co obxectivo de determinar o seu grao de eficacia. Deste xeito, avaliaranse as trampas e cebos usados na actualidade, así como o momento axeitado para levar a cabo o trampeo.
Alternativas de loita biolóxica
Ao mesmo tempo, profundizarase no estudo de novas estratexias alternativas de loita biolóxica contra esta praga, fundamentada na hipotética vulnerabilidade da Vespa velutina a determinados parásitos autóctonos dos himenópteros galegos.
A información obtida permitirá estimar a divesidade e abundancia de parásitos en diferentes especies de avespas e abellas e identificar se algún poidera ser patoxénico para a especie invasora e, polo tanto, susceptible de ser empregado para debilitar ou eliminar estas colonias. Unha ferramenta biolóxica desta natureza tería a grande vantaxe de non supor un perigo biolóxico para o resto da fauna galega, ao tratarse de organismos xa presentes no medioambiente.
Cartografía da distribución e impacto socioeconómico
A creación dunha cartografía da distribución espacial desta especie invasora facilitará tamén as actuacións de prevención e erradicación, ao permitir focalizar os esforzos nas área xeográficas con maior risco. Ademáis, esta información permitirá crear modelos estatísticos da evolución potencial da praga e da súa distribución baixo diferentes escenarios de cambio climático.
O estudo incluirá tamén unha avaliación do impacto socioeconómico da praga, cunha análise custo-beneficio das medidas propostas en comparación con beneficios atribuibles ao seu uso. Departamento de comunicación