El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Sociedad

TVG estrea este domingo a serie de documentais "Historias de Galicia" para explicar o presente dende o pasado

O "rigor histórico" e as dramatizacións, "o máis acertado" da serie

22-02-2007

A serie de documentais "Historias de Galicia", que a Televisión de Galicia estrea este domingo ás 22 horas, xusto antes de 'Libro de familia' abordará en 13 capítulos distintos aspectos da Historia galega. O director desta serie, o xornalista Xosé Manuel Vega, explicou na presentación do novo programa, que "Historias de Galicia" trata de "entender o presente dende o pasado e o pasado dende o presente". Á presentación asistiron tamén o director da TVG, Suso Iglesias; a conselleira de Cultura, Ánxela Bugallo; o presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares, e a secretaria xeral de Política Lingüística, Marisol López. En capítulos de media hora de duración, os documentais resolven dende unha perspectiva actual unha pregunta relacionada coa Historia de Galicia que afecta ao presente, cunha linguaxe áxil e coa combinación de "rigor histórico e dramatizacións", o que para Villares supón "o máis acertado" da serie. Algúns dos temas tratados nestes primeiros capítulos son a propiedade, as crenzas, a lingua, o papel da muller, a emigración, a conciencia de país e o asentamento das cidades, que centrará a primeira entrega da serie. "Historias de Galicia" contou co asesoramento e a guía de especialistas como Francisco Calo, Henrique Monteagudo, Justo Beramendi, Xosé Manuel Núñez Seixas, Marcial Gondar, María Xosé Galdo ou Francisco Carballo. Segundo o presidente do Consello da Cultura, o valor da serie non só se debe medir polo número de espectadores, senón tamén pola capacidade de "colocar feitos históricos no debate público", o que contribuirá a "popularizar o papel da Historia". Así o creu tamén a conselleira de Cultura, Ánxela Bugallo, quen dubidou de posibles problemas de audiencia, xa que "estamos moi faltos de recompoñer lagoas da historia". Vega defendeu a imparcialidade da serie co argumento de que, aínda que ten recibido apoio económico da Xunta, "non recibimos máis directrices que as derivadas do rigor histórico e o traballo ben feito". Rendibilidade O director da TVG insistiu no "esforzo económico" que supón elaborar un produto televisivo deste tipo, de media hora de duración e "difícil de ubicar na grella". Cada capítulo custoulle á cadea arredor de 64.000 euros, unha cantidade "grande para a cadea, pero asumible", sobre todo grazas á colaboración das consellerías de Cultura e Educación e da secretaría xeral de Política Lingüística. Ao tempo, Iglesias avanzou que se están a barallar diversas posibilidades para que o produto teña un percorrido no tempo máis longo. As posibles vendas a outras canles, para as que dispón "dunha calidade axeitada", a súa integración en unidades didácticas en centros escolares e a súa emisión por internet son algunhas das vías que a canle autonómica baralla para darlle unha maior rendibilidade ao produto.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias