O Observatorio
Español del Mercado del Vino vén de facer público o seu último informe correspondente
co primeiro trimestre do ano e, segundo os datos que proporciona Aduanas, as
exportacións galegas de viño branco envasado crecen chegando a situar á
comunidade autónoma no terceiro posto de España no que ao valor económico se
refire.
O valor das exportacións aumentou un 16,8%
mentres que o volume medrou un 9,1%, co que Galicia se converte na sexta
comunidade exportadora no que a volume se refire. Así, entre xaneiro e marzo
deste exercicio exportáronse 2,1 millóns de litros de viño branco envasado cun
valor económico superior aos 6,5 millóns de euros, o que representa máis do 10%
do estatal. En toda España o valor desta bebida chegou aos 64,4 millóns de
euros.
Respecto ao prezo, a media en Galicia está en
3,07 euros o litro (aumenta un 7,1% respecto ao ano anterior), unha cifra moi
por riba da media estatal que se sitúa en 1,41 euros.
Galicia é a segunda comunidade, só por detrás
de Castela-A Mancha, que máis aumenta en termos absolutos de facturación con
respecto ao mesmo período do ano pasado, crece en máis de 938.000 euros
chegando aos 6,5 millóns de euros só no primeiro trimestre. Tamén é a quinta
que máis aumenta en volume exportado, preto de 200.000 litros máis que no
primeiro trimestre de 2015.