O Carballiño.- O candidato do PSdeG á
presidencia da Xunta, Xoaquín Fernández Leiceaga, garantiu hoxe no Carballiño o
apoio e o compromiso dos socialistas galegos na loita “pola plena integración”
das persoas con discapacidade intelectual.
Leicega asistiu,
xunto ao alcalde do Carballiño, Francisco Fumega, á inauguración da 20ª
Convivencia Familiar Special Olympics Galicia. “O apoio público é fundamental
para que estas persoas teñan unha vida plena, con traballo e autonomía”,
manifestou o candidato do PSdeG.
Con respecto ás
eleccións autonómicas, afirmou que “o partido está activado, optimista e con
ánimo, tanto as primarias como as xerais foron boas para activar a maquinaria
do partido, estamos listos para cando Feijóo decida poñer a data das
eleccións”.
“Afrontamos a
campaña con optimismo, os resultados do pasado domingo foron razoablemente bos
en Galicia, cunha tendencia ascendente en porcentaxe voto”, apuntou Leiceaga,
que confirmou que “en dúas semanas estará listo o borrador do programa
electoral”.
O candidato dos
socialistas galegos á presidencia da Xunta dedicará os meses de xullo e agosto
“a escoitar os problemas e as demandas da cidadanía”, ademais de explicarlle a
diferentes colectivos e agrupacións os puntos básicos do citado programa
electoral.
Pola súa parte,
o alcalde socialista do Carballiño, Francisco Fumega, lamentou “as desfeitas
das políticas neoliberais” do Partido Popular nos últimos anos, antes de
considerar básica “a axuda dun Estado socialdemócrata” para as persoas con
discapacidade intelectual. Departamento de comunicación