El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Sociedad

CONCURSO "RECÍCLATE CON SOGAMA"

O CPR "A nosa Señora do Rosario" lévase o primeiro premio

06-07-2016 13:10:31

Cerceda.- Co seu proxecto “Xogamos coas erres”, o CPR A nosa Señora do Rosario, pertencente ao concello coruñés de Arzúa, logrou o primeiro premio do concurso enmarcado no programa educativo ”Recíclate con Sogama”, no que participou, xunto con outros 13 centros de distintos puntos de Galicia, durante o curso académico 2015-2016. 

O segundo galardón recaeu no CEIP Celso Currás de Trabada (Lugo), co seu proxecto “Os 3R no Currás”, e o terceiro foise para o CEIP Plurilingüe de Tui (Pontevedra), coa súa iniciativa “Reciclarte”. Os tres colexios serán obsequiados por Sogama con vales económicos por importe de 600, 400 e 200 euros  respectivamente, que necesariamente deben destinar á adquisición de material escolar. 

Así mesmo, concedéronse tres accésits de recoñecemento a aqueles centros que, sen ser gañadores, tiveran destacado polo seu labor na consecución de valores medioambientais por parte da comunidade educativa. Así, o primeiro accésit levouno o CEIP Laredo de Redondela (Pontevedra), co proxecto “Laredo Recicla 2”; o segundo recaeu no CPI Aurelio Marcelino Rei García de Cuntis (Pontevedra), con “Eu reciclo, Cuntis recicla 2”, e o terceiro, no CPR Plurilingüe Divina Pastora de Ourense, con “Reciclando  cos nosos amigos Papelote, Lixiña, Bricki e Vidriño”. 


Valoración

Un xurado presidido polo Presidente de Sogama, Javier Domínguez Lino, no que se integraron tanto portavoces desta empresa pública como da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, foi o encargado de designar aos gañadores tras analizar as memorias de actividades desenvolvidas ao longo dos últimos meses por todos os centros adscritos a “Recíclate con Sogama”, un programa enmarcado no Plan Proxecta da Xunta de Galicia que se orienta cara a mellor xestión dos residuos urbanos, pretendendo fomentar a práctica efectiva do principio dos tres erres: Reducir a produción de residuos mediante hábitos de consumo responsables; Reutilizar os produtos, alongando ao máximo a súa vida útil; e Reciclar a través da correcta separación dos refugallos en orixe e posterior depósito dos mesmos nos contedores de recollida selectiva, garantindo con isto a súa conversión en novos produtos. 

Co fin de instruír sobre a temática nas aulas, en outubro do ano pasado, Sogama proporcionou aos 14 colexios de educación primaria participantes, os oportunos medios didácticos (folletos, presentacións, vídeos, xogos, carteis, etc) e materiais, que se traduciron en illas de reciclaxe e composteiros. 

Así, subministrou a cada centro unha illa de reciclaxe constituída por tres contedores de recollida selectiva con capacidade para 120 litros cada un (amarelo, para os envases de plástico, latas e briks; azul, para os de cartón e papel; e verde, para a fracción resto), propiciando desta forma que alumnos e profesores separasen en orixe os distintos materiais que conforman o lixo. 

Ademais, entregou un composteiro a aquelas escolas que dispoñían de servizo de comedor, posibilitando a transformación da materia orgánica xerada nun abono natural de calidade a aplicar nas súas hortas ou xardíns. 

Para a valoración dos proxectos desenvolvidos, o xurado tivo en conta unha serie de criterios xenéricos vinculados ao cumprimento dos principais obxectivos do Plan Proxecta, orientados cara a educación en valores, así como ao cumprimento de criterios específicos vinculados a “Recíclate con Sogama”, é dicir, calidade dos materiais seleccionados e depositados nos recipientes que conforman as illas de reciclaxe, e o desenvolvemento de accións para lograr a implicación das familias e dos propios concellos. Departamento de comunicación 





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias