Ourense.- O candidato do
PSdeG á presidencia da Xunta, Xoaquín Fernández Leiceaga, manifestou hoxe en
Ourense que “o Partido Popular presenta a campaña co seu logo e o nome de
Galicia moi en grande, pero na realidade Galicia é pequena para Feijóo como
presidente”.
“Feijóo como
presidente da Xunta ten tendencia a exercer de tertuliano, é un
xestor competente en propaganda, pero ten un serio déficit na xestión dos
problemas reais”, aseverou. Como exemplo disto, lembrou que “Galicia non ten
ningún proxecto aprobado no Plan Juncker despois de máis dun ano e Feijóo
inaugurará tres ou catro centros de saúde antes das eleccións, cando prometera
64 no ano 2009”.
O candidato do
PSdeG mantivo hoxe en Ourense unha reunión de traballo co grupo municipal
socialista encabezado por José Ángel Vázquez Barquero, dentro dunha rolda polas
cidades galegas que comezou o martes en Pontevedra para coñecer as demandas
locais.
“Chama a atención o contraste
entre as posicións políticas do Partido Popular e a realidade da súa xestión,
queren que goberne a lista máis votada pero despois non teñen capacidade para
impulsar os proxectos, como pasa aquí en Ourense”, apuntou Leiceaga.
“Ourense non ten uns orzamentos
aprobados para este ano e funciona cos orzamentos aprobados no 2014, último ano
de goberno con alcalde socialista”, dixo o candidato socialista, criticando “o
que pasou co transporte metropolitano, cun convenio asinado entre Xunta e
concello sen pasar polo pleno que non resolve os problemas de mobilidade”.
Leiceaga lamentou “a falta de
ambición” do alcalde de Ourense coa estación intermodal, que non ten nada que
ver co proxecto inicial, e garantiu o compromiso socialista para impulsar a
cidade “como capital do termalismo galego, xa que a esta denominación hai que
darlle un contido, hai que impulsala”. Departamento de comunicación