A Coruña.- O candidato do
PSdeG á presidencia da Xunta, Xoaquín Fernández Leiceaga, demandou
hoxe na Coruña “a titularidade pública da AP-9 para Galicia” e lembrou que foi
“un mandato unánime do Parlamento”.
“A autoestrada
ten un problema que é a prórroga da concesión durante 48 anos, aprobada con
Álvarez Cascos de ministro de Fomento, Aznar de presidente do goberno e Fraga
na presidencia da Xunta, con Feijóo nun segundo nivel de xestión no goberno; aí
Galicia perdeu a oportunidade de recuperar a titularidade pública dunha
infraestrutura central e estratéxica”, manifestou Leiceaga.
O candidato dos
socialistas galegos lamenta que “sexan os cidadáns cos peaxes os que pagan o
negocio” e critica que coa operación da que onte informaron os medios de
comunicación “Galicia perda tamén a súa conexión empresarial a través de
entidades como Abanca”.
Leiceaga mantivo
hoxe na Coruña unha reunión co grupo municipal socialista encabezado por José
Manuel Dapena, dentro da rolda que o leva polas principais cidades galegas
durante este mes. “O patrón xeral é o mesmo, os municipios levan anos perdidos
por falta de investimento en infraestruturas e servizos básicos”, manifestou.
En concreto,
criticou a paralización por parte do Ministerio de Fomento “da estación
intermodal ou do enlace ferroviario co porto exterior, moi importante para
darlle un sentido a este investimento”. Demandou tamén medidas para aumentar a
competitividade de Alvedro.
Os socialistas galegos apostarán
no seu programa electoral “por unha rede de tren de cercanías que vertebre a
área da Coruña e chegue ata Ferrol”. “Pode ser un gran proxecto e debe ser a
Xunta a que xestione esta rede de proximidade”, apuntou Leiceaga.
Con respecto á
política industrial, Leiceaga puxo en valor o traballo de empresas como
Inditex, pero lembrou que “o problema agora está en Alcoa, é moi
necesario para solucionar a súa situación que o goberno en funcións impulse a
subasta de interrumpibilidade”. No programa socialista se tratarán tamén o
saneamento da ría do Burgo ou o futuro de Nostián dentro dunha estratexia ambiental
galega.
Con respecto á
educación e a área sociosanitaria, Fernández Leiceaga apuntou que “o plan
director do CHUAC está retrasado e hai moitas promesas incumpridas na rede de
centros de saúde e o plan de maiores”. O candidato falou tamén cos membros de
grupo municipal de turismo e política cultural.
Pola súa parte,
o portavoz municipal socialista, José Manuel Dapena, asegurou que “os incumprimentos
por parte do PP no goberno central e na Xunta son constantes, hai unha falta de
compromiso nos orzamentos e temos pendentes reivindicacións de cando Leiceaga
era portavoz parlamentario”. Departamento de comunicación