O presidente
do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, afirmou hoxe que a Xunta seguirá
traballando coa máxima vixilancia, co máximo recoñecemento ás máis de 7.000
persoas que traballan na loita contra os lumes e coa máxima dilixencia para
restituír os danos. “En definitiva, máxima unidade nestes momentos que aínda
seguen a ser difíciles; máxima solidariedade coas familias que sufriron algún
dano nas súas propiedades; máximo recoñecemento ás máis de 7.000 mil persoas
que seguen traballando nos incendios; máxima vixilancia e precaución por parte de
todos e, tamén, máxima dilixencia para restituír os danos producidos”,
aseverou.
Durante
unha visita esta mañá ao Centro de Coordinación Central de Incendios para
avaliar a situación relativa aos lumes, Feijóo reiterou o recoñecemento ás
persoas que están sufrindo directamente os lumes, a quen trasladou que Galicia
está unida ao seu carón e seguirá ao seu carón nas próximas semanas para
avaliar conxuntamente as consecuencias dos danos producidos.
Así
mesmo, destacou e trasladou o recoñecemento a todo o operativo de extincións, “ás
7.000 persoas que están traballando con profesionalidade, desde os técnicos
deste centro de coordinación ata os reténs, brigadas, pilotos, bombeiros,
protección civil, policía, garda civil e exército. Todos eles están a traballar
cunha grande eficacia: porque están priorizando, antepoñendo a vida das persoas
e as súas vivendas, e tomando decisións acertadas en todo momento; porque están
conseguindo controlar nuns tempos moi razoables os grandes incendios e porque
están tamén apagando de forma inmediata moitos conatos”, aseverou.
E, en
terceiro lugar tamén valorou e agradeceu o labor dos medios de comunicación
que, segundo afirmou, están a trasladar á cidadanía no seu conxunto que Galicia
está unida e condena sen paliativos a actividade incendiaria, e que Galicia é
consciente de que hai que extremar as precaucións dadas as condicións
climatolóxicas adversas que se están a sufrir.
Investigación e avaliación de danos
Se ben
continuar cos labores de extinción é a prioridade da Xunta, Feijóo aseverou que
se está a traballar tamén noutras frontes, reforzando os labores de
investigación, a través da Policía Autonómica, da Garda Civil e do Exército. “E
seguiremos tamén traballando na fronte da información: facendo novamente un
chamamento aos cidadáns para a persecución da actividade incendiaria; e facendo
un chamamento tamén, para que non se alimente a actividade incendiaria
provocada con neglixencias ou descoidos”, engadiu.
Neste
mesmo sentido, afirmou que a Xunta comezou xa hoxe os traballos de avaliación
de danos para poder reparalos no menor tempo posible. “Comezamos xa a traballar
nunha liña de axudas para restituír os danos, tanto os que sufran as persoas afectadas
como dos montes afectados”, explicou, subliñando que Vicepresidencia, Facenda,
Medio Ambiente e Medio Rural xa están a traballar para arbitrar as respostas
que sexan necesarias, coa instrución de liberar os recursos precisos para que
neste mes de agosto se poida empezar a habilitar créditos e procedementos para
reparar os danos sufridos durante esta semana.
O
titular da Xunta precisou que desde o pasado martes día 9 ata a mañá de hoxe
venres producíronse 193 lumes. Neste momento: continúase a traballar en 5 lumes
–en Porto do Son, Arbo, Crecente, Cerdedo e Laza-, todos eles tan só con algún
punto illado de fogo e sen risco para as persoas ou para as vivendas; están
estabilizados ou controlados 18, e 170 están extinguidos. “En resumo, estanse
combatendo os lumes con profesionalidade, con axilidade e con estratexia. Pero
loxicamente seguimos preocupados porque as condicións climatolóxicas seguen estando
marcadas polas altas temperaturas”, abundou.