El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Sociedad

Abanca encargarase da restauración do mural de Urbano Lugrís

24-08-2016 19:06:22
Recreación do acceso á oficina de ABANCA.

A Coruña.- Abanca encargarase da protección e restauración do mural de Urbano Lugrís Vista de A Coruña 1669 tras recibir en comodato a pintura mural. A obra, situada ata agora no número 74 da rúa Real e nun estado de conservación deficiente, está catalogada e incluída no Plan Especial de Protección e Reforma Interior (PEPRI) da Coruña, e sobre ela está incoado un expediente para a súa posible declaración como Ben de Interese Cultural (BIC). O banco afronta esta responsabilidade e asume o custo económico correspondente dentro do seu compromiso coa conservación e difusión do patrimonio cultural galego.

O proxecto de Abanca para a obra de Lugrís inclúe a extracción e traslado do mural dende a súa situación actual ata o acceso á oficina principal do banco na Coruña pola rúa Olmos, onde o público poderá contemplar os traballos de restauración. Con este fin, realizaranse as actuacións técnicas necesarias para a súa adecuada rehabilitación e tamén para a súa posterior exposición, con condicións ambientais que garantan a súa preservación e permitan a accesibilidade ao público xeral con fins educativos e culturais.

O obxectivo de Abanca é respectar ao máximo o contexto orixinal da obra, de aí que se escollese un local practicamente contiguo ao actual. 

Ademais, manterase a mesma orientación e a súa exhibición como un mural, xa que no espazo recrearase un muro no que se integrará a obra. A zona elixida para acoller o mural de Lugrís contará tamén coa exhibición de forma rotatoria de outras obras de Urbano Lugrís da Colección de Abanca e cunha pantalla na que se poderá ver o vídeo da restauración e acceder ao resto do contido da Colección Abanca.


Traballos supervisados por Patrimonio

O informe técnico encargado a principios de ano por Abanca á empresa Arteca serviu para constatar o mal estado de conservación da peza realizada en 1952 para decorar a sede do Banco Hispano Suizo e recomendar o seu traslado mantendo o soporte orixinal mediante a técnica coñecida como stacco a masello, que consiste en arrincar a pintura mural incluíndo parte do soporte físico por ser a que menos modifica o aspecto da obra.

O mural foi extraído da súa situación nas últimas semanas seguindo esta técnica tras a autorización da Dirección Xeral de Patrimonio que tamén se encargou de supervisar a realización dos traballos. Os seguintes pasos serán o traslado e instalación no novo espazo.Aínda que non é a primeira vez que se realiza un proceso de extracción e traslado dun mural de Urbano Lugrís, neste caso a operación presenta unha maior complexidade polas dimensións da obra (245 x 910 cm). Departamento de comunicación





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias