O candidato do PSdeG á presidencia da Xunta, Xoaquín Fernández Leiceaga, apostou
hoxe na Coruña por “unha axenda social do cambio”, parella á recuperación
económica e “coa educación, a sanidade e as políticas de benestar como eixos
fundamentais”.
Leiceaga participou nun encontro con axentes económicos e sociais da cidade
xunto ao ex presidente da Xunta, Fernando González Laxe, que mostrou o seu
apoio ao
candidato do PSdeG e manifestou que ten “o coñecemento preciso de Galicia, claridade
nas ideas e capacidade para o diálogo e o acordo”.
Na súa intervención, Leiceaga asegurou que “desenvolveremos unha política social
integradora para recuperar a cohesión, a crise económica deixou auténticos
dramas nos que a acción pública debe incidir, xenerando condicións de igualdade
social e de oportunidades para construir unha sociedade máis xusta”.
“Contrataremos 2.500
novos mestres para mellorar o sistema educativo e queremos que a sanidade sexa
o único luxo que teña a nosa administración, unha sanidade universal e pública”,
apuntou Leiceaga, que comprometeuse a “rescatar o hospital Álvaro Cunqueiro de
Vigo, eliminar o copago sanitario para os pensionistas con rentas menores a
18.000 euros anuais e incorporar 1.500 novos profesionais sanitarios”.
Con respecto ao
proxecto económico, lamentou que “o goberno do PP limitase a economía ao recorte do
gasto, Galicia precisa unha nova política económica que priorice a creación de
emprego a través da reindustrialización e a innovación, e iso témolo que
facer dende o diálogo e a concertación social”.
“Precisamos dunha
auténtica política de promoción de solo industrial, reformar en profundidade o
IGAPE para que sexa un instrumento útil para o noso tecido empresarial e desenvolver
un novo plan galego de I+D+i”, explicou Leiceaga, que lembrou que “a miña
primeira medida como presidente da Xunta será o impulso dun Plan de Emprego
dotado con 100 millóns de euros para que as empresas galegas poidan contratar
10.000 mozos anualmente”.
No acto, estiveron o
rector da UDC, Julio Abalde; o director xeral da Cámara de Comercio da Coruña,
Gonzalo Ortiz; o presidente do Clube Financeiro, Mario Gómez Ulla; o presidente
de AJE Coruña, Marcos Balboa; o vicepresidente da lonxa, Torcuato Teixeira; o
director de ATA Galicia; Rafael Granados, e representantes dos principais
sindicatos e dos grupos municipais socialistas da comarca. Departamento de comunicación