A Sociedade Galega do Medio Ambiente incrementou, nun 28,96%, a recuperación de materiais reciclables contidos na bolsa negra. Mentres que nos seis primeiros meses de 2015 conseguiu separar da mesma 6.973,12 toneladas de aceiro, aluminio e vidro, no mesmo período do ano en curso esta cifra ascendeu a 8.992,30 toneladas, un 28,96% máis. Isto foi posible grazas a unha mellora na operativa industrial, encamiñada en todo momento cara a reciclaxe, coa particularidade de que tanto o férrico como o aluminio e vidro constitúen, por natureza, materiais 100% reciclables e que se axustan plenamente ao concepto de economía circular, xa que a partir dos mesmos pódense fabricar outros produtos de idénticas características e sen perder cualidades.
Para a selección destes residuos, Sogama utiliza sistemas mecánicos tales como electroimáns Overband, no caso do aceiro, correntes de Foucault, no do aluminio, e mesas densimétricas, no do vidro.
Máis reciclaxe
Pero a compañía pública quere ir máis aló, de aí que teña previsto unha ampliación do complexo medioambiental de Cerceda (A Coruña), na que investirá 30 millóns de euros, e que lle permitirá aumentar a capacidade desta infraestrutura nun mínimo do 36%, pasando das 550.000 toneladas/ano nominais ás 750.000.
Para isto, e ademais de remodelar a actual nave de reciclaxe, tratamento e elaboración de combustible (PRTE), a empresa porá en marcha unha planta de clasificación dos envases plásticos e de papel/cartón que o cidadán, na maior parte dos casos por erro ou por non estar concienciado aínda no ámbito da recollida selectiva, segue depositar no contedor verde xenérico, destinado a acoller unicamente a fracción resto ou non reciclable.
Con isto, a entidade pretende incrementar a súa achega ao reciclado en aproximadamente un 30% e diminuír o vertido en igual proporción, polo que o vertedoiro de residuos non perigosos de Areosa só recibirá aqueles refugallos que, dada a súa composición, non poden ser reutilizados nin reciclados nin recuperados material e/ou enerxeticamente, seguindo fielmente a xerarquía de xestión que promulga a UE.
Así, e tras separar a parte susceptible de ser recuperada materialmente a día de hoxe (aceiro, aluminio e vidro), a entidade acondiciona coa non reciclable un combustible CDR que valoriza na planta termoeléctrica para producir electricidade, poñendo en valor, dunha forma respectuosa co medio ambiente e a saúde, aquel lixo que, de non seguir este itinerario, acabaría a súa vida útil nun vertedoiro, co conseguinte impacto sobre o contorno.
Máis concienciación social
Non obstante, e de forma paralela, Sogama seguirá intensificando as campañas de concienciación e sensibilización social para que os cidadáns incorporen á súa vida diaria o principio dos tres erres (redución, reutilización e reciclaxe). Proba disto é a actual campaña autonómica “Oportunidades Galicia. Separemos ben, reciclaremos mellor” 2016-2017, promovida pola Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, e na que colabora Ecoembes e Sogama, coa que se pretende incrementar as taxas de reciclado na nosa comunidade. Departamento de comunicación