El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Sociedad

Sogama incrementa en máis dun 47% o transporte de residuos por ferrocarril

10-10-2016 19:48:46

Sogama conseguiu incrementar, nun 47,60%, o traslado de residuos urbanos por ferrocarril. Isto foi posible trala posta en marcha, o pasado mes de marzo, do novo servizo de transporte combinado, adxudicado á UTE Renfe Mercancía-Logirail-Copasa por un período de 10 anos, e a través do cal a entidade pública pretende promover o tren como medio preferente na nosa comunidade dada a alta dispersión da poboación galega. 

Mentres que entre xaneiro e xuño de 2015 a Sociedade Galega do Medio Ambiente moveu por ferrocarril un total de 100.491 toneladas de refugallos urbanos (bolsa negra e bolsa amarela), esta cantidade subiu ata as 148.321 toneladas no primeiro semestre de 2016, tras incorporar a terminal de Lugo á súa operativa loxística. 

Desta forma, conseguiu que, a día de hoxe, os residuos producidos en Vigo, así como os xerados na provincia de Ourense e en boa parte da de Lugo, se transporten por vía férrea. Para isto, e por razóns estratéxicas, utilízanse contedores homologados, tanto para estrada como para tren, procedentes de distintas plantas de transferencia repartidas polo territorio galego. Trátase de recipientes pechados, de 40-43 metros cúbicos, con capacidade para 20 toneladas cada un, e que dispoñen de todas as garantías hixiénicas e de seguridade para que o lixo se traslade en condicións axeitadas ata o complexo medioambiental de Cerceda (A Coruña). 

Renfe estima que, nun decenio, Sogama conseguirá desprazar por ferrocarril 3.750.000 toneladas de lixo, o que supoñerá o aforro de 22.300 toneladas de emisións de CO2 e de 800.000 litros de gasoil cada ano.Por traxectos, estas emisións tradúcense nos seguintes datos, obtidos pola ferramenta “Ecotransit World”: 

.- Vigo-A Coruña: 1.215 toneladas/ano de CO2 evitadas.

.- Taboadela (Ourense)- A Coruña: 672 toneladas/ano de CO2 evitadas.

.- Lugo- A Coruña: 343 de toneladas/ano de CO2 evitadas.

Esta mellora enmárcase no Plan Galego de Xestión de Residuos Urbanos 2010-2020, así como nas directrices comunitarias, onde o transporte limpo eríxese nunha prioridade medioambiental en todos os países da Unión Europea. 


Vantaxes

O transporte de residuos por ferrocarril trae consigo importantes vantaxes medioambientais e sociais, pois, ademais de reducir a pegada de carbono, propicia unha maior seguridade, xa que, en termos xerais, presenta unha baixa sinistralidade; posibilita o incremento da carga útil (mentres un camión pode trasladar un só contedor con capacidade para 20 toneladas, un convoi de ferrocarril pode desprazar ata 30 unidades nunha soa viaxe); elimina o colapso circulatorio provocado polos vehículos pesados, reducindo igualmente o impacto paisaxístico e as molestias ocasionadas aos cidadáns; e aforra tempo, propiciando unha maior puntualidade e sincronización. 

Cabe recordar que o canon único que Sogama aplica aos concellos, e que este ano se mantén nos mesmos termos do 2015 (67,18 euros por tonelada + IVA), inclúe, non só a xestión e o tratamento final do lixo, senón o transporte desde as 37 estacións de transferencia repartidas por Galicia ata a infraestrutura industrial da compañía en Cerceda. Departamento de comunicación





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias