A Sociedade Galega de Medio Ambiente (Sogama)
incrementou entre 2009 e 2015 a cantidade de materiais recuperados nun 50 por
cento, ao pasar das 17.600 toneladas que se recuperaban hai 6 anos, ás 26.700
do ano anterior.
Así o explicaron hoxe a conselleira de Medio
Ambiente de Ordenación do Territorio en funcións, Beatriz Mato, e o presidente
de Sogama, Javier Domínguez, durante unha rolda de prensa na que deron conta
das conclusións incluídas na “Memoria de sustentabilidade 2015” que, a partir
de agora, se vai elaborar de xeito bianual.
En concreto, fixeron especial fincapé no
aumento na recuperación de aceiro, un 23,7% superior ao de 2009; e dos
distintos tipos de plásticos, un 60% maior que hai 6 anos. O obxectivo, sinalou
Mato, é seguir incrementando esta tendencia, a través da optimización das
instalacións e da concienciación cidadá, para converter a Sogama nun referente
da implantación da economía circular
Ademais da recuperación de residuos, Sogama
tamén ten realizado importantes avances na recuperación enerxética, que leva a
cabo a través de tres plantas diferentes: a termoeléctrica, que valoriza o
combustible derivado dos residuos non reciclables; a de coxeración, que se
utiliza no secado dos residuos orgánicos presentes na bolsa negra; e a de
biogás, que aproveita a fermentación dos residuos depositados no vertedoiro de
Areosa.
En total, nestas tres plantas produciuse no
ano 2015 a cifra récord de preto de 517.000 megavatios/hora ou, dito doutra
forma, a enerxía xerada por Sogama o ano pasado foi equivalente ao 12% da que
se consume nos fogares galegos. Destacou especialmente o papel da planta
termoeléctrica, con máis de 362.000 megavatios/hora, o que supón un incremento
do 23,4% respecto a 2008. De feito, esta planta é a de maior eficiencia
enerxética de todas as instalacións destas características que existen en
España.
Máis
residuos tratados, menos a vertedoiro
Na memoria tamén se inclúen os datos de
procesamento acadados na Planta de reciclaxe, tratamento e elaboración de
combustible, que en 2015 chegou ás 583.000 toneladas de residuos tratados
correspondentes á fracción resto (o depositado na bolsa negra). Esta cifra
“supón un rexistro histórico nunca antes alcanzado no Complexo de Cerceda”,
destacou Mato, quen concretou que supón un 17% máis que o conseguido en 2009.
Este incremento da capacidade de tratamento
ten outro beneficio directo “moi importante” en materia de sustentabilidade: a
“significativa diminución” dos residuos que son desviados a vertedoiro. Deste
xeito, 2015 foi tamén o ano no que se marcou un mínimo histórico neste eido,
con 200.000 toneladas desviadas ao vertedoiro, un 49% menos que en 2009.
Esta tendencia é un “proceso imparable que vai
culminar cando estea lista a construción da nova planta de recuperación de
envases contidos no lixo en masa, así como a remodelación da actual planta de
reciclaxe, tratamento e elaboración de combustible”. Esta actuación está
actualmente en fase de concurso e suporá un investimento de 29 millóns de
euros. Vai permitir que se incremente a capacidade de tratamento do complexo
ata un mínimo de 750.000 toneladas, o que suporá poder aumentar nun 30% a
reciclaxe dos residuos recibidos no complexo e diminuír o vertido na mesma
proporción.
“Ou, dito doutra forma, significa que se van
poder tratar de forma óptima todos os residuos urbanos que cheguen a Sogama e
que unicamente se van desviar ao vertedoiro aqueles que non se poidan reciclar,
nin recuperar material ou enerxeticamente”, explicou a conselleira.
Ao respecto, Mato lembrou tamén as melloras
que se veñen aplicando no vertedoiro de residuos non perigosos de Areosa como
infraestrutura de apoio do complexo medioambiental de Cerceda. En 2009, o
vertedoiro non tiña unha soa fase clausurada, mentres que hoxe este vertedoiro
dispón dunhas instalacións óptimas, co 85% da súa extensión clausurada. Cada
ano invístense 8 millóns de euros na súa operación e mantemento.
Redución
de emisións e concienciación
Outros dos puntos fundamentais que se expuxo
na rolda de prensa foi a aposta de Sogama por reducir as emisións de gases de
efecto invernadoiro. Para conseguilo, tense apostado polo ferrocarril para o
transporte de residuos, en tanto supón unha redución de emisións e unha maior
eficiencia enerxética con respecto ao transporte por estrada. Nos últimos anos,
a porcentaxe de residuos que se moven por ferrocarril incrementouse do 25 ao
45%, e a previsión é chegar ao 55% no 2018.
Ademais, Sogama está a apostar pola formación,
educación e concienciación social a través dun amplo abano de actividades como
a formación rigorosa dos seus propios empregados e das firmas contratistas; a
programación de visitas educativas ao complexo, que chegaron a 3.200 persoas en
2015; a promoción de campañas nas escolas e nas rúas; ou o programa de
compostaxe doméstica.
En definitiva, concluíu Mato, “estamos a
traballar para que Sogama conte coas mellores instalacións, actúe coa máxima
eficiencia, contribúa á concienciación cidadá e ofreza cada día os mellores
servizos aos concellos”.