O portavoz
do Grupo Socialista, Xoaquín Fernández Leiceaga, lamentou hoxe o discurso
“decepcionante” de Feijóo na primeira intervención da Sesión de Investidura.
Así o dixo logo dunha intervención marcada, dixo, pola ausencia de balance e
autocrítica, “continuísmo e inmobilismo” nas súas políticas e “ausencias elocuentes”
de compromisos fundamentais cos servizos públicos, a reforma do modelo de
financiamento e investimentos.
O
responsable socialista criticou que as “boas palabras” do candidato a
presidente da Xunta sexan “baleiras de contido, sen nada detrás”, e que a
partir dunha “proposta vacua e inconcreta de acordo –quén vai estar en contra
de defender a Galicia?, preguntou- quere ter ao Parlamento calado e facernos
renunciar a a exercer o noso labor de control”.
Sinalou que
a “escasa ambición” do presidente da Xunta motivará “a nosa posición negativa”
á súa investidura como parte dunha “oposición seria, crítica e tamén
construtiva”. Así, anunciou que os socialistas “estamos dispostos a tender a
man para acordar a reforma do modelo de financiamento autonómico” e para
actuacións fundamentais para Galicia.
Leiceaga
puxo o foco sobre as “elocuentes ausencias” dunha intervención da que desterrou
a sanidade, esquecendo á atención primaria, fixo “escasísimas referencias” á
atención aos Dependentes e aos maiores en xeral e eludiu tratar a crise do
sistema de pensións. Tampouco fixo referencia aos medios de comunicación
públicos, e apenas tratou a lingua e á cultura, ás que limitou unha “oratoria
baleira de contido”.
O candidato
do PP, engadiu, renunciou a propoñer “ningunha novidade para rexenerar a vida
política” e apenas limitouse a replicar as medidas que xa existen, garantindo
así “reproducir no futuro os seus erros e fracasos e reeditar as dificultades
do presente”. Tampouco convenceron ao portavoz socialista as alusións á
cuestión demográfica logo dun Plan Demográfico aprobado polo PP “que non tivo
ningún efecto real”.
Engadiu que
as referencias ao autogoberno resultan igual de baleiras, por canto “limítase a
fixar o que xa temos, renunciando a facer ningunha competencia nova logo de
oito anos nos que non foi capaz de traer para Galicia aquelas que reclamara nos
seus anteriores discursos”.
Tamén
careceu de referencias significativas á igualdade de xénero “nin á igualdade
interpersoal en xeral” nun entorno no que “a desigualdade prospera” como
resultado das políticas da dereita. Lamentou esas ausencias cando as mulleres
perden cada vez máis poboación activa en termos absolutos e cando Galicia foi a
Comunidade Autónoma con máis mortes por violencia de xénero en relación ao
número de mulleres en 2015.
Voto
delegado
A deputada
socialista María Pierres, que non poderá asistir a esta sesión por ter dado a
luz recentemente, solicitou o voto delegado, que exercerá no seu nome o
deputado Abel Losada. Departamento de comunicación