O presidente
da Xunta, Núñez Feijóo, presentou hoxe, no acto de toma de
posesión dos conselleiros do novo Executivo autonómico, un Goberno “para todos”,
comprometido cos obxectivos comúns, que pense no presente e, sobre todo, no
futuro do país e guiado pola mellor tradición do galeguismo plural, aberto e
integrador.
Durante
o acto, Feijóo incidiu en que este novo Goberno estará ao servizo de todos os
galegos, “dos que nos votaron, dos que non nos votaron e dos que optaron por non
votar”. “Este Goberno non lle pertence a ningunha sigla, nin pertence ás
persoas que o conformamos. Este Goberno perténcelle a Galicia”, abundou,
comprometéndose a que ao final da lexislatura, en 2020, toda Galicia poida mirar
atrás, “orgullosa do legado que imos intentar deixar, para mirar cara adiante
con máis forza e máis ilusión se cabe”.
Nesta
liña, o titular do Executivo expresou o seu desexo de que o que nos define como
pobo defina tamén ao seu Goberno: “Galicia é solidariedade; é espírito de
superación; é sentidiño; é convivencia; é firmeza e lealdade; é diálogo,
consenso e altura de miras”, di, subliñando que igual que a Praza do Obradoiro
é o punto de encontro dos peregrinos de todo o mundo, a Xunta ten que aspirar a
ser o punto de encontro de todos os galegos.
Durante
a súa intervención, Feijóo garantiu o compromiso dos membros do novo Executivo
para seguir esforzándose, para seguir mellorando e para seguir sendo útiles ao
pobo, “porque non basta con que levemos tres anos creando emprego, xa que aínda
hai persoas que buscan traballo e non o atopan; non basta con que as nosas
empresas teñan cada vez mellores perspectivas; non basta con que haxa máis
axudas públicas para cada familia, xa que hai outras que non chegan a fin de
mes; e non basta con que xurdan máis iniciativas para impulsar o rural cara ao
futuro, xa que hai explotacións que seguen tendo dificultades para cubrir
custos”, dixo.
Estabilidade, visión de futuro e un Goberno que
goberne ata o último día
O presidente
da Xunta concluíu insistindo en que as dez mulleres e homes que forman o
Goberno terán o cometido de seguir traballando polo progreso; de seguir
traballando cada día polos galegos, pensando nos galegos e cos galegos. “Este
Goberno traballará do único xeito que é posible: co pobo, dentro do pobo, ombro
con ombro cos galegos”, aseverou, lembrando que iso é o que pediron os galegos o
pasado 25 de setembro, cunha claridade excepcional na España de hoxe:
estabilidade, visión de futuro e un Goberno que goberne desde o primeiro ata o
último día.
Feijóo
incidiu en que nesas urnas quedaron as siglas, os partidos e os eslóganes, e
delas saíron os compromisos adquiridos: a promesa de traballar por unha Galicia
mellor e a convicción de que canto máis unidos traballemos, máis grandes
seremos. “Sabemos que o resultado non pode interpretarse como un cheque en
branco, senón como un préstamo da vontade política da xente; que non estamos
aquí porque poidamos facelo todo solos, senón porque temos a man tendida para
facelo xuntos; que non estamos aquí para prometer imposibles, senón para facer
todo o posible para que Galicia siga crecendo de forma solidaria; e sabemos que
non estamos aquí polo que xa fixemos, senón porque o acadado nos amosa que
somos quen de propoñernos metas máis altas”, sentenciou.