O Presidente de Sogama, Javier Domínguez, recibiu o pasado mércores, de mans do Director do Programa Galego de Municipios Saudables e Sostibles 2000-2020, o Profesor Francisco Peña, a medalla que o recoñece como activo colaborador desta iniciativa itinerante que naceu cunha clara vocación formativa e que xa propiciou a celebración de 55 edicións dos Cursos de Saúde Ambiental, contando coa participación de case 6.000 ambientalistas.
O acto de entrega deste distintivo tivo lugar con motivo do relatorio que o máximo responsable da empresa pública dou no VII Congreso Galego de Medio Ambiente e Saúde, celebrado esta semana no municipio pontevedrés de Caldas de Reis. Domínguez aproveitou a ocasión para agradecer o apoio recibido por parte deste programa e o seu Director, á vez que se comprometeu a seguir traballando por un medio ambiente máis limpo, máis saudable e, por suposto, máis sostible.
A intervención do máximo responsable de Sogama enmarcouse na sesión de residuos, que moderou Felipe Macías, catedrático da Universidade de Santiago de Compostela, compartindo mesa con Verónica Tellado, Subdirectora Xeral de Residuos da Xunta de Galicia; María Martínez, Técnico de Medio Ambiente da Deputación de Pontevedra; Marcial Alonso, Responsable de Operacións e Comercial na Área de Residuos da firma Soil Recovery; Rafael Mas, Responsable de Comunicación e Proxectos de Humana; e Sergio Quiroga, Director de I+D e Produción da empresa Ecocelta.
Máis reciclxe, menos emisións e vertido técnico cero
Domínguez Lino desgranou a traxectoria da compañía pública desde os seus comezos ata a actualidade, poñendo de relevo os excelentes resultados de 2015, período no que alcanzou máximos históricos de eficiencia industrial.
Pero falou sobre todo de futuro, tal e como auguraba o título da súa exposición “Sogama, abrindo novos horizontes cara a economía circular”, deténdose en explicar os pormenores do proceso de ampliación ao que será sometido o complexo medioambiental de Cerceda (A Coruña) para incrementar a súa capacidade, que pasará das 550.000 toneladas anuais a 1.000.000, o que permitirá xestionar no mesmo todos os residuos urbanos producidos en Galicia.
Neste escenario, sinalou que a empresa procederá á remodelación da actual nave de reciclaxe, tratamento e elaboración de combustible e á posta en marcha dunha nova planta para a recuperación dos envases contidos no lixo en masa. Isto quere dicir que, ademais do vidro, o aceiro e o aluminio, a entidade poderá recuperar os plásticos e o papel/cartón contidos no residuo convencional, incrementando a súa achega á reciclaxe en 120.000 toneladas anuais. Isto permitiralle reducir, aínda máis, o depósito de lixo en vertedoiro, que se circunscribirá a aquela parte que non se poida reciclar nin valorizar material e/ou enerxeticamente, podendo chegar ao vertido técnico cero.
Tamén fixo especial fincapé nas emisións á atmosfera procedentes da operación da planta termoeléctrica, que se atopan moi por baixo dos límites legais, enxalzando igualmente a redución da pegada de carbono grazas ao incremento do transporte de residuos por ferrocarril, que pasou dun 25% a un 45%, prevendo que alcance o 55% en dous anos. “No período dunha década, Sogama moverá por tren 3.750.000 toneladas de residuos urbanos, o que suporá un aforro de 22.300 toneladas de emisións de CO2 e 800.000 litros de gasoil cada ano”, apuntou.
Así mesmo, referiuse á posta en marcha dunha planta de compostaxe industrial, con capacidade para 15.000 toneladas anuais, que se levantará no vertedoiro de residuos non perigosos de Areosa e na que se procesará a materia orgánica procedente de grandes produtores (restaurantes, mercados, centros comerciais, hospitais, etc). Departamento de comunicación