O
presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, referiuse hoxe a esta lexislatura
que acaba de empezar como un novo tempo para afrontar os grandes retos que ten
por diante a nosa sociedade, nunha Galicia –dixo- que sae da crise máis
fortalecida que cando entrou nela. “Non nos conformamos con ter resistido
durante estes anos, xa que sabemos que manter as paredes en pé só é un medio
para poder construír a casa que desexamos. E non nos conformaremos ata que os
nosos devezos comúns se convertan en feitos contrastables”, aseverou.
Nesta
liña, lembrou que a primeira medida do Executivo autonómico foi establecer un
novo teito de gasto para 2017, superior en case 260 millóns de euros ao do
presente exercicio e máis elevado que nunca desde 2011, “porque somos
ambiciosos, pero responsables coma sempre. E porque sabemos que a casa non se pode
facer polo tellado”.
Durante
o acto de imposición da Medalla de Ouro á conselleira delegada de Geriatros,
Josefina Fernández Miguélez, con motivo da celebración do XIX aniversario do
Círculo de Empresarios de Galicia-CFV, Feijóo afirmou que coa recesión
económica Galicia demostrou ser un pobo intelixente, que soubo facer da crise
unha oportunidade: “A crise foi unha oportunidade porque hoxe sabemos que non
se pode gastar máis do que se ten, e grazas aos galegos responsables as contas
públicas da Comunidade son un exemplo de equilibrio. A crise foi unha
oportunidade porque hoxe sabemos que o mellor xeito de afrontar as dificultades
é abrirse a novos mercados, e grazas aos galegos emprendedores temos unha
economía máis dinámica e máis internacionalizada, que bate mes a mes un novo
récord de exportacións”, dixo.
Así
mesmo, afirmou que grazas ao esforzo colectivo de todos os galegos, a nosa
comunidade puido manter e mellorar unha educación pública, unha sanidade
pública e uns servizos públicos de calidade para todos e para as xeracións
futuras. “A crise foi unha oportunidade porque hoxe sabemos que Vigo é un motor
indispensable da economía galega, e grazas aos vigueses e a todos os galegos
esta cidade volve ter os seus centros industriais a pleno rendemento”, engadiu.
Feijóo
concluíu a súa intervención destacando a traxectoria da galardoada, a súa
capacidade xestora e a súa contribución a que hoxe Geriatros sexa unha das
cinco compañías líderes no mercado sociosanitario español. “Pero hai outra
parte do que Geriatros significa que non se pode plasmar nunha conta de resultados, e que
nos fai sentir si cabe máis satisfeitos. É un orgullo poder contar coa
colaboración dunha empresa de Vigo, que, desde a súa responsabilidade social no
sector privado, axuda a fomentar un ben de interese común: o envellecemento
activo dos nosos maiores e, cando isto xa non é posible, a mellor atención aos
nosos dependentes”, abundou. Departamento de comunicación