O presidente dos populares galegos, Alberto Núñez
Feijóo, afirmou que o PPdeG construirá “unha maioría
aberta na que a meirande parte dos galegos, independentemente das súas
preferencias políticas, poidan atopar respostas ás súas inquedanzas”.
“Coa cabeza fiel aos nosos
principios, os brazos abertos para acoller novas achegas e o corazón posto
sempre en Galicia construiremos unha maioría aberta”, insistiu Feijóo,
sinalando que isto só se pode facer dun xeito: “escoitando ao noso pobo,
falando con el, traballando para el”.
“Agora temos un novo reto
no horizonte: as eleccións de 2019”, dixo o presidente mentres admitía que
necesitan “empezar a pensar desde hoxe e a actuar desde mañá”. Por este motivo, o presidente comprometeuse a visitar os
313 concellos antes da cita coas urnas dentro de tres anos.
Renovar, ampliar e actualizar o contrato con Galicia
Durante a súa
intervención na Xunta Directiva que o PPdeG celebrou esta mañá, Feijóo
salientou que Galicia segue sendo excepcional grazas á confianza que depositaron os
galegos nos populares, “única na España de hoxe”.
Tal e como
engadiu, o pasado 25 de setembro “renovamos, ampliamos e actualizamos o noso
contrato con Galicia”, cuxos dous grandes obxectivos son “garantir o benestar
para as familias e facilitar o progreso do país”.
O presidente
recoñeceu que non se trata de obxectivos fáciles e que nunca poderán tachalos e
dicir misión cumprida, “porque Galicia sempre merecerá máis”. Nese senso,
comprometeuse a que todos aqueles que integran o partido traballarán pola nosa
comunidade.
No tocante á elección do seu Executivo, Feijóo lembrou que, malia que
algúns levan anos dicindo que os galegos precisamos solucións radicalmente
diferentes, “fronte a esta mística do cambio polo cambio, os galegos votaron
sentidiño”.
“Por este motivo, á hora
de formar un Goberno para esta nova etapa de oportunidades, escollín a dez
homes e mulleres que demostraron ampla capacidade de traballo”, subliñou
destacando que todos os conselleiros teñen experiencia, que cometeron erros e
acertos porque teñen unha traxectoria, que foron sinceros co seu pobo e que
agora lle poderán dicir á súa xente “adiante” para deixar atrás a recesión.
Tender a man por un proxecto común
O dirixente tamén afondou na necesidade de integrar no seu proxecto de
futuro á xente que non cre na política e á que perdeu a confianza nela así como
a de tenderlle a man ás forzas políticas da oposición.
Nese sentido, precisou que o resto de partidos atoparán a man dos populares
tendidas cando se trate de impulsar o progreso económico e a creación de
emprego; de abrir novas oportunidades para o noso agro e o noso mar; de achegar
ideas para que a comunidade sexa o mellor lugar para formar unha familia; ou
cando se trate de garantir que Galicia non sexa máis que ninguén, pero tampouco
menos, na España autonómica.
“O cambio de actitude dos
partidos que os galegos puxeron na oposición invitan a pensar que estamos a
abrir unha nova época na política galega: a época do diálogo responsable”,
sostivo o presidente asegurando que o proxecto común é Galicia.
Para Feijóo, a tarefa dos populares está comezando de novo nun país que
lles outorgou a responsabilidade máis grande que existe que é “facer que os
nosos fillos vivan nunha Galicia mellor que a nosa”.
En resposta a esa confianza, o presidente remarcou que demostrarán unha vez
máis “que cando Galicia fala, o Parlamento amplifica. Que cando Galicia pregunta, a Xunta busca
respostas. Que cando Galicia reclama, este partido se pon á súa enteira
disposición”. Departamento de comunicación