O conselleiro de Política Social,
José Manuel Rey Varela, visitou no día de hoxe o Mundo do Fútbol, a cidade
deportiva do RC Deportivo emprazada no
municipio coruñés de Abegondo, onde tivo lugar o partido correspondente á
terceira división entre o Fabril e o Ribadumia e onde se celebraron os actos
centrais do Día Internacional dos Dereitos dos Nenos e Nenas.
Unha data que se celebra este domingo 20
de novembro en honor á Declaración dos Dereitos do Neno e a Convención dos
Dereitos do Neno que tiveron lugar tamén un 20 de novembro de 1959 e 1989,
respectivamente. Ademais deste acto festivo, realizouse outro acto conmemorativo
na meirande parte dos campos de fútbol da comunidade galega, onde se produciu a
lectura dun manifesto en favor da infancia elaborado polo escritor ganador do
Premio Xerais 2016, Manuel Esteban Domínguez.
O conselleiro de Política Social destacou, unha vez máis, a importancia
dos nenos e das nenas para a Xunta de Galicia aos que definiu como “os mozos de
mañá e os adultos do futuro; a esperanza da nosa economía, o baluarte da nosa
demografía e o vehículo da nosa cultura”. “Os nosos nenos e nenas o son todo;
eles son a Galicia que vén”, sentenciou.
A celebración do Día Internacional dos Dereitos dos Nenos e Nenas
realízase este ano baixo o lema ‘Os dereitos son de tod@s e para tod@s’ e
reivindica os dereitos da infancia á igualdade, á identidade, á familia, á
educación, ao xogo, á saúde, á expresión, á privacidade, á protección e á
integración. Este ano a Consellería de Política Social celebra este día en
torno ao mundo do deporte da man da Asociación Arela Iniciativa de Apoio á
Infancia e da Federación Galega de Fútbol.
A imaxe da campaña amosa a dous nenos e unha nena nun campo de fútbol.
É unha nena a que está no centro sostendo o balón co fin de esquecer os
estereotipos que frecuentemente derivan en desigualdades no eido do deporte, do
xogo e da vida. Os tres nenos representan diferentes razas nun mesmo equipo. O
dereito á igualdade e o dereito ao xogo son os que se representan de xeito máis
evidente, pero os nenos evocan outros máis como o dereito á protección, á saúde
e á integración.