O
presidente da Xunta, Núñez Feijóo, avogou hoxe por seguir conxugando
innovación, calidade e unión como fórmula dun sector lácteo potente capaz de
afrontar os retos do futuro. E, nesta liña referiuse ao proxecto de
Cooperativas Lácteas Unidas (Clun), no que Feiraco tivo un papel determinante, como
exemplo dunha desas respostas innovadoras que parte da colaboración e da unión.
Durante
o acto de entrega do X Premio Liderazgo empresarial, organizado pola
Confederación de Empresarios da Coruña, Feijóo afirmou que Galicia é o
resultado de conxugar o rural e o urbano, a tradición e a modernidade, ao que
engadiu que esta composición ten un efecto innegable na economía do país.
Ao
respecto, o responsable do Executivo autonómico destacou a contribución do
galardoado, José Montes Pérez, ao progreso económico da Comunidade: “Entregar
este premio ao presidente de Feiraco é, sobre todo, un premio ao noso rural; un
rural no que José Montes viu unha oportunidade”, dixo, facendo fincapé en que o
Goberno galego ve no rural un sector cheo de futuro e oportunidades, “e por iso
estamos a levar a cabo programas como o de impostos cero que, segundo datos de
finais de xullo, xa beneficiou a máis de 3.000 persoas”, lembrou.
Así
mesmo, afirmou que este galardón é, por outra banda, “un recoñecemento a unha
forma de facer as cousas, de crer que o tradicional pode ser moderno, de
contradicir aos derrotistas, de ser enxeñosos e ambiciosos e, por riba de todo,
de buscar respostas novas ante novos retos”.
Por
último, o responsable autonómico comprometeu o traballo do Goberno galego para
seguir facendo de Galicia un marco cada vez máis propicio para a creación de
empresas. “Esa é a nosa política máis certeira, porque vós –dixo en alusión aos
emprendedores- creades emprego, unides a sociedade e levades o nome de Galicia
como símbolo de calidade”.