El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Sociedad

O himno galego xa se cantaba en 1896, dez anos antes do que se cría

Pascual Veiga, considerado pioneiro do nacionalismo musical

01-03-2007

O himno galego xa se cantaba en 1896, dez anos antes da data que se consideraba ata hoxe. Así o revelou o musicólogo Fernando López-Acuña durante o congreso "Pascual Veiga e a súa época", que se celebra ata o sábado en Santiago. O encontro, organizado pola Consellería de Cultura para conmemorar o centenario da primeira interpretación oficial do himno galego na Habana composto por Pascual Veiga, foi inaugurado polo director xeral de Creación e Difusión Cultural, Luís Bará. Segundo a información obtida por López-Acuña, en 1890 convócase un certame musical no que se propón a creación do himno galego con letra de Eduardo Pondal, que se interpretaría nun festival. No caso de que ningunha composición resultase gañadora, interpretaríase a composición do presidente do certame: Pascual Veiga. Presentáronse ao concurso dez composicións, pero a gañadora non puido ser tocada "por motivos de organización". A composición de Veiga formou parte uns anos despois do repertorio do Orfeón del Centro Gallego de Madrid, que dirixiu Veiga trala súa marcha ao Conservatorio Nacional da capital española en 1892, segundo expuxo López-Acuña no seu relatorio 'Pascual Veiga, un músico comprometido coa súa patria'. "Aquí pasou case desapercibido, ou non se chegou a saber que ese himno se estaba interpretando, porque se facía en Madrid", indica o investigador. O documento que constata a representación deste himno é un número datado en 1896 do periódico El Regional de Lugo, cidade na que se celebra un certame de orfeóns no que participa o do Centro Gallego de Madrid, ao que se acusa de ser profesional. O secretario do orfeón escribe entón unha carta ao xornal na que se refire ao himno "con letra de Pondal e música do noso director, don Pascual Veiga" para tachar de "iñorantes, e feridos e duros, imbéciles e escuros" a quen acusaba o orfeón desa irregularidade. A coordinadora do congreso e investigadora sobre a obra de Pascual Veiga, Rosa Fernández, afirmou que unha partitura atopada contén un esbozo da música do himno galego, que despois o compositor non utiliza e que os investigadores datan de 1882. A doutora en Musicoloxía rexeita por tanto a data do 13 de xullo de 1890 como o día de nacemento da composición de 'Os Pinos', xa que a composición elixida fora a do catalán Iván Gotós. Nacionalismo musical Fernández referiuse a Veiga como "pioneiro do nacionalismo musical no Estado", que medra ao mesmo tempo có Rexurdimento. Así o constatou tamén o presidente da Real Academia Galega, Xosé Ramón Barreiro, na súa conferencia 'Pascual Veiga e o seu tempo histórico', quen falou dunha "chamada á tribo" de Manuel Murguía na súa cosmovisión da cultura galega, dunha apertura do mercado musical co liberalismo e da socialización da música. Para Rosa Fernández, "o Rexurdimento brotou dos músicos", e sinala a data do himno catalán como posterior ao galego. Coa 'Alborada' de Veiga e con 'Negra sombra' de Juan Montes, o pobo galego "é un dos poucos que a música culta chega a asimilarse totalmente polo pobo", observa a doutora en Musicoloxía. "Son músicas cultas ligadas ao espírito popular porque os compositores galegos, Veiga o primeiro, se poñen ao servizo do pobo galego", engadiu Rosa Fernández nunha conversa con AGN. Descoñecemento O traballo de investigación, que "a Consellería pretende repetir con outros compositores galegos", dará lugar á edición crítica de toda a obra do compositor mindoniense "moi importante na súa época e descoñecida agora pola sociedade galega", asegura Fernández, quen comenta que a pesar de que a música de Veiga foi "a máis gravada" de toda a historia da música galega, o seu compositor "morreu na indixencia absoluta". A experta reivindicou a necesidade de investigar sobre os músicos galegos, "esquecidos e de primeira altura" para que as novas xeracións de musicólogos e compositores galegos "non teñan que partir de cero", ao tempo que se queixou do "estado lamentable dos arquivos musicais" en Galicia. "A cultura galega é moi literaria, porque os investigadores traballaron sobre os escritores, e hoxe están no parangón de Europa; pero ninguén traballou así sobre os músicos", engade Fernández, quen considera que cre que os músicos galegos son "do mellor que hai no panorama europeo".





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias