O secretario xeral do
PPdeG, Miguel Tellado, ofreceu hoxe unha rolda de prensa na que valorou
esta semana como “crucial” para a política galega, dado que trala aprobación do
teito de gasto, atopámonos na antesala da aprobación dos orzamentos da Xunta
para o ano 2017. Neste sentido, Tellado valorou positivamente a rapidez coa que
o Goberno autonómico iniciou os trámites trala celebración das eleccións
autonómicas do pasado mes de setembro.
“Logo de anos de crise
económica, o teito de gasto aprobado a semana pasada avánzanos uns orzamentos
que consolidan o seu crecemento”, apuntou, para incidir en que os recursos
extra cos que contará o Executivo galego se utilizarán na mellora dos servizos
públicos e en apuntalar a recuperación económica. Sobre este punto, celebrou
que a Consellería de Facenda xa avanzase que se incrementarán partidas como as
destinadas á creación do emprego, o fomento do rural ou as axudas aos
Concellos.
Tellado prevé que as
contas públicas que presente mañá o Goberno sexan unha mostra de “realismo,
prudencia e responsabilidade”, en canto a que están baseadas nun coñecemento
profundo das necesidades do país e nunhas estimacións de crecemento máis
conservadoras que algúns estudos publicados sobre a situación económica galega.
Do mesmo xeito, agarda que volvan estar presididas polo rigor dos últimos anos,
que é o que permitiu consolidar a rebaixa fiscal iniciada o ano pasado sen
incumprir os obxectivos de déficit fixados polo Goberno Central. “É así como se
blinda o autogoberno, e non con proclamas, como queren facer outros”. En
definitiva, o secretario xeral resumiu a súa valoración como a duns orzamentos
que “estarán inspirados nas persoas, e non no asfalto ou no ladrillo”.
Un partido que traballa
Durante o seu
discurso, o secretario xeral quixo destacar o intenso traballo da Xunta e o
PPdeG nas últimas semanas, e comparouno coa situación na que se encontra a
oposición, “centrada nos seus problemas internos e os seus intereses
partidistas”.
Tellado ilustrou
o seu argumento co acontecido esta semana coas Mareas de Podemos, “que
emendaron a Podemos cos salarios. Chegaron ás institucións dicindo que cobrar
tres Salarios Mínimos Interprofesionais era suficiente, e agora xa din que
cinco, ou máis”.
“A demagoxia e o populismo teñen as patas moi curtas e todo
isto non nos pode estrañar despois de que o seu líder chegase ao Parlamento
pedindo chófer, secretaria e os despachos máis grandes”, concluíu. Departamento de comunicación