O portavoz
do Grupo Socialista, Xoaquín Fernández Leiceaga, fixo hoxe unha primeira
análise duns orzamentos da Xunta “faltos de ambición” e que fracasan no impulso
dos sectores produtivos básicos e renuncian á creación de emprego e á
restauración dos servizos públicos básicos. Así o dixo logo da Xunta de
Portavoces que fixou o calendario de debate dos orzamentos, ademais da orde do
día do próximo Pleno.
Fernández
Leiceaga sinalou que a Xunta, en contra do anunciado, en realidade renuncia a
utilizar os 60 millóns adicionais de capacidade de endebedamento sobre o PIB,
autorizados no último Consello de Política Fiscal e Financeira. O goberno
galego non esgota a capacidade de gasto e así, concluíu “non é posible atender
á restauración dos servizos públicos básicos nin á creación de emprego”.
Ese é o
motivo que na previsión para o próximo ano o goberno galego estime unha
desaceleración na creación de emprego, por debaixo das cifras de 2016, ao tempo
que fai descansar a previsión de crecemento económico sobre as exportacións e o
investimento privado. Explicou que esta variable ten “múltiples incertezas” e
depende das expectativas empresariais, co risco dun novo erro nas previsións
como sucedeu neste ano.
O portavoz
socialista sinalou que as cifras anunciadas polo goberno galego “non son
coherentes” e alertou da inconsistencia dos anuncios realizados polo
conselleiro ata o momento. Neste sentido, explicou que o incremento salarial
anunciado para os funcionarios supón 185 millóns de euros adicionais mentres a
Xunta só prevé 44.
Engadiu
ademais que as subas anunciadas para educación, sanidade, política social e
salarios superarían con moito o incremento de 256 millóns de euros previstos
para o orzamento do próximo ano.
Sistema
financeiro
O portavoz
do Grupo Socialista presentou tamén a orde do día do próximo Pleno do
Parlamento de Galicia, no que os socialistas galegos utilizarán a sesión de
control ao presidente da Xunta para preguntarlle polos seus obxectivos de cara
á revisión do sistema de financiamento autonómico nos próximos meses.
Anticipou o seu
“pouco optimismo” fronte á posición do goberno galego logo de que a Mesa da
Cámara rexeitara, cos votos do PP, a creación dunha Comisión parlamentaria que
acordara unha posición consensuada de tódalas forzas políticas galegas. A Mesa
rexeitou a proposta dos socialistas galegos de constituír dúas comisións, a xa
citada e unha destinada a analizar o impulso ás enerxías renovables,
nomeadamente o sector eólico.
O Pleno da
semana do 12 de decembro comezará co debate dunha proposta conxunta de
socialistas e BNG para impulsar e completar o traballo da Comisión de
Investigación das Caixas de Aforro, bloqueada polo PP na pasada lexislatura á
espera de acordar o seu ditame.
Tamén será
presentada unha moción para reducir a precariedade laboral e impulsar o desemprego,
e dúas proposicións non de Lei para reclamar a gratuidade dos libros de texto e
protexer aos funcionarios que decidan denunciar casos de corrupción e fraude
dende dentro da administración, “impedindo que poidan ser perseguidos nin
desprazados”.
Os socialistas
galegos presentarán dúas interpelacións para prevención do consumo de bebidas
alcohólicas e sobre a falla de medidas do goberno galego para impedir os cortes
de subministro enerxético ás persoas con dificultades. O apartado de preguntas
ao goberno incluirá dúas iniciativas dos socialistas galegos sobre o saneamento
da Ría de Arousa e as eivas na atención ás urxencias no Hospital de Ourense. Departamento de comunicación