O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, valorou positivamente os
Orzamentos presentados esta semana pola Xunta, dado que entende que “están
destinados a consolidar o crecemento”. Tellado celebrou que o Goberno galego
continúe no camiño da responsabilidade na xestión das contas públicas, e aposte
por consolidar as rebaixas fiscais comezadas no exercicio anterior. Neste
sentido, lembrou que a meirande parte dos galegos poderán seguir desfrutando da
baixada do IRPF, e que a extensión do programa “Impostos Cero” ás parroquias
das cidades contribuirá a fixar poboación no rural.
“O rigor e as reformas dos últimos anos
permiten que Galicia sexa unha das Comunidades máis solventes e cunha menor
presión fiscal. Derrotar á crise permitiunos que cada contribuínte galego
aforre, de media, 320 euros en impostos”, subliñou, e insistiu na necesidade de
que a recuperación económica “se estenda a toda a sociedade”.
Para o secretario xeral, o impulso ao desenvolvemento económico que darán
as contas de 2017 vén dado pola ampla capacidade de investimento, así coma pola
aposta polos sectores estratéxicos da Comunidade. “O obxectivo fixado polo
Goberno de crear 20.000 postos de traballo é ambicioso, pero o feito de que a
Consellería de Economía, Emprego e Industria sexa a que máis crece en
porcentaxe dá unha idea das prioridades da Xunta”, ponderou.
Do mesmo xeito, Tellado opinou que o presidente “cumpre a palabra dada en
campaña” ao anunciar medidas de apoio ao sector primario, como as liñas de
axuda para a modernización da agricultura, silvicultura, ou a transformación
dos produtos pesqueiros. “Boa parte da supervivencia dos nosos sectores pasa
pola súa constante actualización e a capacidade para ser competitivos. O apoio
do Goberno será o pulo que necesitan para conseguilo”, recalcou.
Compromiso co benestar
Da análise das
contas, o secretario xeral opina que o 2017 será un ano no que se lle dará “un
novo impulso ao benestar”, que se demostra cos aumentos de 100 millóns na
partida destinada a Sanidade, 64 en Educación e 25 en Política Social. Tamén
quixo destacar o feito de que 8 de cada 10 euros se empregarán en gasto social
e apuntou que “nos peores anos da crise, o presidente Feijóo esforzouse en
manter os servizos públicos e facelos máis eficientes. Nesta fase de
recuperación seguirá esforzándose por melloralos”.
Ademais, volveu
poñer o foco en que se insista no compromiso de facer que Galicia sexa “o
mellor lugar para formar unha familia”, co mantemento da Tarxeta Benvida, os
investimentos en escolas infantís e o aumento da partida de atención a
dependentes. “É unha gran noticia que haxa un Goberno que se preocupa dos
galegos de todas as idades, e especialmente dos que son máis vulnerables”,
concluíu. Departamento de comunicación