O
informe PISA 2015 -que se fixo público hoxe- confirma que Galicia está por riba
da media de España e da OCDE nas tres competencias avaliadas (lectora, científica
e matemática); e incrementa a súa puntuación total e a súa posición no ránking
de comunidades autónomas con respecto ao último informe de 2012. O informe
avalía que Galicia sigue nunha liña de crecemento continuo no que atinxe ao seu
sistema educativo, con importantes melloras tanto en termos absolutos como en
comparación co resto das comunidades autónomas, e mesmo con outros países.
Segundo
os datos obtidos tras analizar o grao de adquisición de destrezas e
coñecementos do alumnado de 15 anos, Galicia obtén 494 puntos en competencia matemática, 8 máis que a
media española (486) e 4 máis que a media da OCDE (490).
Ademais
Galicia sube 5 puntos en comparación co ano 2012 (cando obtivo 489 puntos). Na
mesma liña van os resultados obtidos en competencia
lectora, con 509 puntos (10 máis que os obtidos no informe de 2012), 13
máis que a media española (496), e 16 por riba da media da OCDE (493).
Canto
á competencia científica, Galicia
mantén os 512 puntos obtidos en 2012, o que a sitúa 19 puntos por riba de
España e da OCDE (493 as dúas). De feito a comunidade autónoma sitúase ao mesmo
nivel de países que se caracterizan por un importante desenvolvemento
tecnolóxico como Alemaña, Australia, Países Baixos, Reino Unido, Corea do Sur e
Suíza.
En
definitiva, Galicia mellora a súa posición tanto a nivel global como en
comparación co resto das Comunidades Autónomas do Estado, onde sube dous postos
na escala, ao pasar do sexto ao cuarto posto en competencia lectora (despois de
Castela-León, Madrid e Navarra), e do décimo ao oitavo posto en competencia
matemática; e 1 posto en competencia científica (ao pasar do quinto ao cuarto
posto no ránking de CCAA).
A primeira en equidade
O
Informe PISA 2015 vén de confirmar a Galicia como a Comunidade Autónoma co
sistema educativo máis equitativo por diante de todos os países da OCDE. Este
dato, que se obtén tras analizar a influencia do contexto sociocultural nos
resultados académicos do alumnado, confirma o esforzo da Consellería de Cultura
e Educación por garantir un acceso á educación en condicións de igualdade para
todos.
De
feito, unha das accións prioritarias do Goberno galego é a atención á
diversidade de todos os colectivos. Tal como reflicten os últimos informes do
Ministerio, Galicia é a CCAA máis inclusiva do Estado, co 91,1% do alumnado con
Necesidades Educativas Especiais (NEE) integrado no réxime ordinario. Isto é
posible grazas á rede de 3.000 profesionais, entre coidadores e especialistas
en PT (Pedagoxía Terapéutica) e AL (Audición e Linguaxe) que traballan no noso
sistema educativo público.
Políticas de implementación e reforzo
A
tendencia positiva que vén de confirmar o informe PISA ratifica as accións
postas en marcha pola Consellería de Cultura e Educación para avanzar cara a
excelencia do sistema educativo e que se sustenta en dous piares fundamentais
que son o profesorado e o alumnado.
Neste
senso, é preciso salientar a dedicación e esforzo dos docentes galegos en prol
da mellora da calidade educativa. Ademais cómpre ter en conta o reforzo da
formación do profesorado, con liñas específicas para promover as competencias
STEM (Ciencias, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemática), para a implantación dos
novos currículos e das novas materias de libre configuración, a mellora da
competencia lingüística en linguas estranxeiras ou bases para mellorar a
atención á diversidade e a convivencia.
Así
mesmo, a Consellería sigue reforzando os contratos-programa, que buscan
mellorar a calidade do ensino para reducir a porcentaxe de alumnado de baixo
rendemento. Cun orzamento de 3,1 millóns de euros (un 18% máis que o ano
pasado), os contratos-programa permitiron a contratación de 154 docentes
externos de apoio adicionais. Esta acción potencia a autonomía dos centros, que
son quen deciden qué áreas deben reforzar e, precisamente, a liña máis
demandada é o PROA (Programa de Reforzo, Orientación e Apoio), seguida da de
reforzo en competencias clave.
Na
área de lectura, cómpre poñer en valor os plans no ámbito das bibliotecas
escolares, como o PLAMBE (de Mellora de Bibliotecas) e o Plan LÍA (Lectura,
Información e Aprendizaxe).