O secretario
xeral da Presidencia da Xunta, Manuel Galdo, debullou hoxe no Parlamento de
Galicia os orzamentos dos departamentos directamente xestionados polo
Presidente Núñez Feijoo, entre eles a Secretaría Xeral da Emigración, que
dirixe Antonio Rodríguez Miranda. Precisamente, Galdo
recordou no decurso da presentación destes orzamentos que un dos tres eixos
fundamentais de actuación para esta nova lexislatura establecidos por Feijoo no
seu discurso de investidura foi o de dar prioridade ao retorno dos emigrantes,
tanto de primeira como de segundas xeracións.
Así, en consonancia con este compromiso, cómpre
salientar a posta en marcha, coa estreita colaboración da Consellería de
Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, das “Bolsas de Excelencia para a
Mocidade no Exterior”, dotadas inicialmente con medio millón de euros, e que
supoñen a principal novidade nos orzamentos da Secretaría Xeral da Emigración.
Esta nova actuación pretende captar para
Galicia o talento máis brillante de entre os mozos e mozas residentes fóra,
fomentando o retorno da poboación activa laboral e contribuíndo a fixar novos
residentes no territorio.
A oferta “centrarase en estudos con capacidade de
absorción no tecido produtivo e laboral galego, con especial atención aos
estudos relacionados co sector primario”, segundo destacou Galdo, e co
orzamento previsto preténdense cubrir os gastos de desprazamento, matrícula,
aloxamento e manutención das e dos beneficiarios.
Entre as finalidades que perseguen estas
bolsas atópase garantir a súa permanencia no territorio, unha vez rematen os
seus estudos, mediante un itinerario personalizado para a súa inserción laboral
en empresas galegas.
As
bolsas absorben a suba
Esta é a principal novidade nuns orzamentos da
Secretaría Xeral da Emigración que incrementan este ano un 5’38 % a súa contía
xeral, un 5’87 % se consideramos o orzamento efectivo (cantidade total menos
Capítulo I de Persoal). Así, para este 2017 o departamento que dirixe Rodríguez
Miranda conta con 8.775.873 euros, o que supón un incremento neto de 447.073
respecto do presente ano. Como se pode ver, toda a suba de orzamento -e aínda
23.000 euros máis- son absorbidos pola nova medida de impulso ao retorno.
Así, as principais liñas de actuación e
programas mantéñense intactos ou con moi lixeiras variacións. En primeiro
lugar, e pola súa relevancia orzamentaria, cómpre destacar que Emigración
blindará, como en anos recentes, as axudas económicas individuais a emigrantes
galegos (destinadas a paliar situacións de alta precariedade en países con
escasa ou nula protección social e/ou sanitaria), cuxo investimento ascende aos
2 millóns de euros. Mercé a esta acción, unhas 8.000 familias galegas no
Exterior en serias dificultades poden paliar, cada ano, a súa situación de
necesidade.
Por outra banda, manteñen o seu orzamento e
obxectivos outros programas específicos de carácter socioasistencial, ben
dirixidos a persoas maiores -como Reencontros na Casa ou Reencontros na Terra- ou
especialmente á mocidade na diáspora –Escolas Abertas, obradoiros de formación,
xornadas de especialización, Conecta con Galicia, Aventúrate en Galicia,
etcétera.
Énfase
no retorno
Ademais da medida innovadora deste ano, as
devanditas Bolsas de Excelencia para a Mocidade no Exterior, Emigración mellora
as liñas de impulso ao retorno xa consolidadas en exercicios anteriores, tanto
para os emprendedores, como para aqueles que necesitan un acompañamento urxente
Así, as
axudas de autoemprego e creación de empresas por parte de persoas emigrantes
retornadas, que nos seus tres anos de vida impulsaron a posta en marcha de
medio centenar de negocios, manteñen o seu orzamento en 2017. Estas subvencións,
cunha contía máxima que pode chegar a 8.000 euros por proxecto, complementan
sen excluílas as axudas doutros departamentos autonómicos, e doutras
administracións, para autónomos e emprendedores. O obxectivo é aproveitar os
coñecementos e experiencia dos galegos no Exterior, e tamén facilitar o seu
retorno á terra natal.
Igualmente, increméntase
un 33% o investimento nas axudas extraordinarias a persoas emigrantes galegas, destinadas
a facer fronte a aquelas causas sobrevidas derivadas do retorno e que requiren
dunha atención perentoria. Cómpre salientar que Emigración resolve cada
petición individualmente, de maneira que os beneficiarios non teñen que esperar
ao final da convocatoria para percibir a axuda. Nos últimos catro anos,
orzáronse para estas situacións que demandan atención urxente máis de 550.000
euros.
Comunidades
galegas no Exterior
Emigración
reforzará en 2017 o seu apoio ás Comunidades Galegas do Exterior, en
cumprimento do papel que lle outorga o Estatuto de Autonomía de Galicia, e que
se ten desenvolvido na Lei de Galeguidade. Na atención aos colectivos que
representan á diáspora galega fóra do territorio destaca tamén o investimento
social e sanitario, destinado a garantir unhas condicións de vida dignas ás e
aos galegos en situación de maior desvantaxe, sexa por razóns de idade,
económicas, ou de saúde. Cómpre lembrar que estas entidades prestan servizos
sociais e sanitarios en países con coberturas moi limitadas ou inexistentes
nesta materia.
Así, consolídase
a aposta na axuda fundamental para garantir esa atención; para a convocatoria
de subvencións en réxime de concorrencia competitiva para gastos de
funcionamento e para proxectos de actuación dirixidos ao cumprimento dos fins culturais,
sociais, de xuventude e formativas das comunidades galegas destinaranse este
ano 1.655.870 euros. Cómpre salientar que xa no ano 2016 experimentara un
incremento de 11’11 puntos porcentuais.
Por outra
banda, tamén se consolida, ata os 613.000 euros, a dotación orzamentaria para axudas á
conservación, obras, equipamentos e infraestrutura de instalacións, e para a
mellora de dotacións e equipamentos de carácter inventariable.
Tanto no primeiro como no segundo dos casos, o
secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda,
ten destacado que mediante estas liñas de apoio ás comunidades, a Xunta axuda a
que a actividade das mesmas “poda redundar directamente na promoción da nosa
cultura, pero sobre todo na atención aos galegos do Exterior, especialmente no
eido social e sanitario, máxima prioridade
do Goberno galego. Así o demostrou nos peores anos dunha crise que xa parecemos
remontar, e nesa liña manterémonos no futuro”.