A Fundación Pública Galega Camilo José Cela,
dependente da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria,
acolle ata o vindeiro 14 de xaneiro a mostra ‘CJC, o gran coleccionista: Máis
que coleccionar, amontoo’, coa que se amosa ao público unha das grandes
afeccións do premio Nobel galego.
A exposición consta dunhas 200 pezas, entre as
que se poden observar caixas de mistos, cromos, billetes de lotería, postais,
caixas de latón, vitolas, selos, moedas e billetes antigos…, así coma unha amálgama
de obxectos curiosos. Entre eles cabe destacar un perfil do carril da vía da
compañía ferroviaria The West Galicia Railway Company (primeira compañía
ferroviaria de Galicia, da que era xerente John Trulock, o avó materno do
autor) e unha escarpia para a suxeición da vía da mesma compañía; unha cédula
do rei Carlos II do século XVII; e mesmo unha serie de discos de vinilo, un
deles do cantante Raphael dedicado por este a Cela.
Xa máis relacionado coa súa traxectoria
literaria, poden verse na mostra as pranchas xilográficas coas que se fixo a
revista fundada e dirixida por Camilo José Cela en Palma de Mallorca, ‘Papeles
de Son Armadans’; e un exemplar da ortografía e da gramática publicadas pola
Real Academia Española nos séculos XVIII e XIX.
Un ano
de homenaxes
‘Camilo José Cela, O gran coleccionista’, busca
afondar nunha das facetas máis descoñecidas do autor, o seu costume de
coleccionar, que el mesmo definía dicindo que “O afán coleccionista que,
segundo os psiquiatras é unha doenza mental de carácter leve e non perigoso, é
algo xa tan vello como o mesmo mundo... Colecciónase todo ata o máis
insospeitado, e, ben mirado, a lista completa de todo o coleccionable tampouco
sería unha mala colección”.
A mostra enmárcase no amplo abano de
actividades que se están a impulsar este ano co gallo do centenario do
nacemento do escritor, e que ten o seu máximo expoñente na exposición ‘Camilo
José Cela 1916-2016. O centenario dun Nobel. Un libro e toda a soidade’, que se
pode visitar na Cidade da Cultura de Galicia, e na que se conforma un retrato
poliédrico sobre Cela, amosando a súa actividade como novelista, articulista,
dramaturgo e poeta pero tamén como editor, pintor, coleccionista ou actor.