A Sociedade Galega do
Medio Ambiente (Sogama) dependente da Consellería de Medio Ambiente e
Ordenación do Territorio, vén de poñer en marcha un xogo en liña destinado ao
alumnado de educación secundaria co obxectivo de difundir as virtudes da
compostaxe doméstica. Esta iniciativa inscríbese na firme aposta da empresa
pública polas novas tecnoloxías e, máis en concreto, polas actividades lúdicas
como recursos educativos prioritarios para promover a correcta xestión dos
residuos urbanos.
A actividade, que se denomina “Compostaxe doméstica. Experiencia Stop
Motion”, proporciona primeiro as oportunas explicacións sobre o compost e os
seus beneficios, para despois facilitar aos escolares as ferramentas necesarias
para elaborar o seu propio vídeo, interiorizar as vantaxes medioambientais,
económicas e sociais da autocompostaxe e contribuír á difusión das mesmas.
O obxectivo é que os alumnos constrúan unha historia que pode ser
descargada en forma de vídeo a partir dos recursos que se poñen á súa
disposición, tendo a opción de seleccionar os elementos, obxectos, personaxes e
situacións que formarán parte da mesma.
Ademais de ter a oportunidade de escoller a velocidade da película (6 ou
12 fotogramas por segundo) e a duración (10 ou 20 segundos), tamén poderán
escoller a localización ou momento do día no que se desenvolverán os
acontecementos, que se crean fotograma a fotograma. As personaxes e obxectos
pódense mover dentro do escenario, cambiar de tamaño, rotar, distorsionar, etc.
O xogo, a disposición dos internautas na páxina www.compostaconsogama.gal e en www.sogama.es, funciona en dispositivos de sobremesa e
portátiles, así como en dispositivos táctiles (tabletas).
Oportunidades e
beneficios
A compostaxe doméstica non é máis que a fermentación controlada, baixo
condicións axeitadas de temperatura e humidade, da materia orgánica producida
nos fogares ou centros escolares que contan con servizo de comedor. Para levar
a cabo este cometido, Sogama repartiu entre distintos grupos poboacionais preto
de 6.200 composteiros de 340 litros de capacidade cada un, posibilitando que,
coa axuda destes recipientes, o proceso a levar a cabo resulte máis cómodo, áxil
e hixiénico.
A día de hoxe, a entidade pública conta con 206 entidades adscritas ao
seu programa de autocompostaxe: 136 concellos, 60 centros educativos (primaria,
secundaria e Universidade) e 10 colectivos sociais. Este sistema reporta importantes vantaxes para os entes locais, tanto
medioambientais como económicas e sociais.
Desde a dimensión ambiental, porque reciclando os residuos orgánicos en
orixe, que supoñen ao redor do 40% do lixo xerado nos domicilios, minórase a
frecuencia de recollida dos contedores convencionais e, xa que logo, o
transporte do lixo ata a planta de tratamento, diminuíndo as emisións de CO2 á
atmosfera. Desde a económica, porque se reduce notablemente o depósito de residuos
nos contedores xenéricos e, en consecuencia, o importe da factura a pagar a
Sogama, coa particularidade de que os usuarios non precisan comprar
fertilizantes artificiais, podendo utilizar un abono natural (compost) que
cumpre con todos os requisitos contemplados pola normativa vixente.
E desde a social, porque se recupera unha práctica tradicional en
Galicia como é a segregación da materia orgánica para alimento do gando e/ou
elaboración de compost, diminuíndo o número de desprazamentos que a poboación
do rural debe facer aos contedores, polo xeral distanciados das casas debido á
alta dispersión da poboación. Departamento de comunicación