O
presidente da Xunta, Núñez Feijóo, trasladou onte os resultados da
negociación do reparto das cotas pesqueiras e dos totais admisibles de capturas
(TAC), na que Galicia foi representada en Bruxelas pola conselleira do Mar,
Rosa Quintana. Tras o acordo alcanzado polos Estados membros da Unión Europea,
Galicia poderá pescar, segundo cálculos estimados, 30.900 toneladas máis en
2017, o que suporía —aplicando o prezo medio do peixe e do marisco fresco
durante este ano— un incremento de valor aproximado de 76 millóns de euros.
Feijóo
explicou que Galicia acadou total ou parcialmente 14 dos 17 obxectivos de
importancia sinalados para a negociación. “Loxicamente, como en calquera
negociación, non conseguimos o 100% dos resultados”, aclarou o presidente, que
engadiu que se logrou o 83%.
A
cantidade global de posibilidades de pesca para España ascendeu en 44.144 toneladas
con respecto a 2016, o que se traduce nun incremento en porcentaxe do 20%. De entre estas, arredor do 70%
corresponden a Galicia. “O Goberno galego amosa satisfacción contida”, valorou
o presidente na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta. “En liñas
xerais, os resultados son positivos, sobre todo tendo en conta a situación de
partida coa que nos sentabamos a negociar coa Comisión Europea”, engadiu.
Deste
xeito, conseguiuse que a pescada sufrise un axuste mínimo do 1,4%, fronte á
redución do 36% que propuña inicialmente a Comisión. Galicia tamén logrou frear
a caída do xurelo, que ía ser do 45%, ata o 23%, co compromiso de volver sobre
esta cota nunha posible revisión do TAC a mediados deste ano, en función da
evolución do stock desta especie.
Un “traballo extraordinario” que se ve refrendado
Feijóo
recordou que, como paso previo á negociación, foi “imprescindible” o traballo
de documentación e análise científica e socioeconómica que a Xunta trasladou ao
Ministerio de Agricultura y Pesca, Alimentación y Medio Ambiente, ademais do
traballo de investigación sobre as capacidades extractivas dos caladoiros. “A
Comisión refrendou o traballo extraordinario da frota pesqueira, que estivo
acatando as normas da UE de períodos anteriores, que conta moitísimo nas
negociacións”, dixo.
Cotas por caladoiros
Repartindo
por caladoiros, no Cantábrico Noroeste acadouse a práctica continuidade na
pescada e na anchoa, ademais dun aumento do 14% da cota da xarda, do 72% na
cota do lirio, do 54% no rape, do 10% da raia. Na zona de Fisterra cara ao sur,
logrouse un incremento do 7% na cota de xurelo, do 17% da anchoa e da cigala.
No
Gran Sol e en Francia, destaca sobre todo o histórico aumento do 10% acadado na
cota da pescada, tamén o aumento da raia (5%), da maruca (33%) e da cigala en
xeral (sobre un 8%). Acadouse tamén a continuidade na cota do rape e un
incremento do 67% nas cotas do caladoiro de Porcupine. “Todas as frotas ven
mellorar a súa cota de forma global”, concluíu.